Monforte de Lemos, 11 de maio de 2019. A partir deste luns 13 de maio todas as persoas interesadas en alugar algunha das instalacións deportivas que o Concello de Monforte pon a disposición da cidadanía para uso de tempo libre poderán facer a reserva e o pago de xeito telemático a través da páxina web do Concello de Monforte.
En concreto trátase do Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas e do Pavillón da Pinguela que ofrece as horas libres que deixa o Concello de Monforte e os clubs deportivos para uso e desfrute de toda a cidadanía. Poderán acollerse a esta modalidade de reserva calquera persoa ou grupo de persoas interesadas en alugar algún dos espazos deportivos ofertados para levar a cabo unha práctica deportiva esporádica e non organizada como poden ser os partidos entre amigos.
Os espazos dispoñibles para o seu aluguer son aqueles que non son utilizados polo Concello de Monforte ou polos clubs deportivos para o desenvolvemento das súas actividades dentro do horario de apertura de cada unha das instalacións.
Os espazos deportivos e horarios de aluguer das instalacións son os seguintes:
- Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas: de luns a venres non festivos, de 17:30 a 22:30 h. Pódese alugar campo de fútbol 7 ou campo de fútbol 11.
- Pavillón Municipal da Pinguela: de luns a venres non festivos, de 16:30 a 22:30 h. Pódese alugar cancha completa ou media cancha de fútbol sala.
Os interesados poderán facer a reserva das instalacións a través da sección de deportes da páxina web do Concello de Monforte na que se habilitará unha plataforma de reservas online. As reservas poderanse facer cun máximo de sete días de antelación e ata 24 horas antes do seu uso. O único requisito será darse de alta na plataforma.
As taxas vixente polo aluguer de cada un dos espazos deportivos son as seguintes:
- Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas:
- Aluguer campo de fútbol 7: 15,45 € / hora.
- Aluguer campo de fútbol 11: 30,90 € / hora
- Pavillón Municipal da Pinguela:
- Cancha completa: 12,36 € / hora
- Media cancha: 6,18 € / hora
Esta medida está encamiñada a facer máis accesible e a poñer ó alcance de toda a cidadanía o uso das instalacións deportivas municipais, ó tempo que se busca que o trámite para o aluguer sexa moito máis dinámico ó estar dispoñible as 24 horas do día os 365 días do ano.