Monforte de Lemos, 21 de marzo de 2019. O Concello de Monforte celebrou hoxe o día da Día da Árbore e para conmemorar esta data, entregou aos centros educativos de Monforte unha árbore (a cada un deles) para que a pranten nas súas instalacións.
Deste xeito, no día de onte, persoal municipal da concellería de Medio Ambiente repartiu unha árbore nos centros educativos de primaria e secundaria da cidade. Está previsto que na xornada de hoxe sexan prantadas ditas árbores.
Xornada de Aceites
E continuando coas actividades medioambientais, mañá venres 22 a partires das 10:00 horas o Centro Cívico de Monforte de Lemos acolle a Xornada de Aceites organizada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, en colaboración coa concellería de Medio Ambiente da cidade.
Esta actuación enmárcase nas directrices do Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA 2016-2022), para a mellora da xestión dos residuos no ámbito das empresas.
Particularmente neste caso, a xornada organízase coa finalidade de mellorar a información e formación dos axentes implicados na produción e xestión de aceites industriais usados.