O Concello de Monforte súmase á loita contra o cambio climático e apoia mañá sábado a iniciativa de WWF “A Hora do Planeta”

 

Monforte de Lemos, 29 de marzo de 2019.  Como xesto simbólico e en defensa do medio ambiente, o Concello de Monforte súmase un ano máis á iniciativa A Hora do Planeta. Mañá sábado, 30 de marzo, as luces dos espazos máis emblemáticos da cidade do Cabe quedarán apagadas durante unha hora. Será dende as 20:30 e ata as 21:30 horas. En concreto estarán sen iluminación a Praza da Estación, a explanada da Compañía e a contorna de San Vicente, incluída a Torre da Homenaxe e o campanario.

Con este xesto a administración local quere amosar o seu apoio á organización para a defensa da natureza WWF que pretende mobilizar a tódalas cidades do mundo para demostrar o apoio global contra o cambio climático.

O alcalde, José Tomé Roca, destaca que “o acto simbólico ó que nos imos sumar este sábado, pretende concienciar da necesidade de empregar de forma responsable a enerxía. Cómpre que todos nos impliquemos para loitar contra o cambio climático e poder reducir así o nivel de emisións de CO2”. O rexedor tamén lanzou unha mensaxe ós monfortinos e monfortinas para que “entendan este xesto e se sumen nos seus fogares a esta iniciativa, que consiste en aforrar enerxía durante unha hora”.

Esta iniciativa, promovida por la Asociación WWF comezou no 2007 en Sidney, Australia. Once anos máis trátase da maior iniciativa mundial na defensa do medio ambiente.