O Concello inicia 2 proxectos de mellora na periferia rural de Monforte e en pistas de 7 parroquias

Monforte de Lemos, 17 de xullo de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe dous novos proxectos de mellora en Monforte. Segundo indicou “igual que vimos facendo no casco urbano, o equipo de goberno municipal tamén temos o compromiso de mellorar as comunicacións nas parroquias de xeito permanente para que a medio prazo a rede viaria da zona rural estea en bo estado.“

Desta forma, o Concello ven de contratar 2 proxectos, un deles afecta á periferia rural de Monforte e o outro proxecto contempla a mellora de pistas en 7 parroquias.

 

Periferia rural de Monforte

Polo que respecta á periferia rural de Monforte que rodea ó casco urbano, mellóranse 8 pistas, en algún caso, procedendo a unha rexeneración do firme que xa existe, e en algún outro unha pavimentación nova dado que o firme actual é de terra.

Os camiños que se melloran son un treito do camiño de servizo da Ronda Urbana á altura da clínica veterinaria, outras dúas pistas que se denominan rúa Díaz Valiño e rúa Marcial Valladares, que se atopan na urbanización fronte ás instalacións da feira. Tamén se actuará na rúa dos Cotos, que se ubica entre a Ronda Urbana preto da rúa Ourense e a zona dos invernadoiros, a pista do Muro que se ubica nas proximidades da Ronda Urbana con saída á rúa Veiga, un treito do Camiño de Guntín e tamén o Camiño de Adegando ubicado na zona do Malvarón antes de chegar o barrio novo de Santa Mariña.

O custe deste proxecto ascende a 40.387,19 euros.

 

Proxecto das parroquias

Polo que respecta o proxecto das parroquias, inclúe unha pista na parroquia de Chavaga que vai dende o barrio de Río ata a N-120; na parroquia de Distriz inclúe o camiño de As Pozas; na parroquia de A Parte recolle un camiño no barrio de Camporrío; na parroquia de Rozabales as melloras afectan o camiño de Rubín e ó de Santa Lucía, na parroquia de Sindrán inclúe a pista que vai dende o Campo da Festa ata a conexión coa estrada de Rozabales. E por último na parroquia da Vide recolle a mellora dun camiño que se sitúa nas proximidades de “Hierros David”.

Este proxecto ten un custe de 33.405,91 euros.

No seu conxunto, os 2 proxectos supoñen unha inversión na rural 73.793,10 euros, que foron adxudicados á empresa OPAGA. As obras xa se están realizando neste momento.