O programa Proscenio achega a Monforte 3 obras de teatro durante este Nadal

Monforte de Lemos, 23 de decembro de 2019. O Concello de Monforte sumouseó programa de Teatro Profesional 2019-Proscenio para a Provincia de Lugo da Deputación Provincial para contribuír á difusión da cultura e do teatro na súa vertente profesional e ó mesmo tempo potenciar a actividade cultural que se desenvolve nos distintos concellos da xeografía lucense.

Deste xeito, dende a Concellería de Cultura programouse, dentro das actividades do Nadal, tres representacións teatrais para un público infantil e familiar e de entrada gratuíta para os día 23, 27 e 30 de decembro de 2019.

 

1.- Lilá Teatro coa obra Duncan de Palleiro no Edificio Multiusos o luns23 de decembro ás 18:00 h.

2.- Lucecús Teatro con A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna no Edificio Multiusos o venres 27 de decembro ás 18:00 h.

3.- Compañía Titiriterra con Belarmina, a fabulosa velutina no Edificio Multiusos o 30 de decembro ás 18:00 h.

 

Lilá Teatro representará este luns 23 Duncan de Palleiro

Duncan de Palleiro é unha obra propia da compañia Lilá Teatro e está representada por Lines González e Lara Manzano.

Así é como transcorre un día na vida dun can, pero non dun can calquera. Trátase dun can moi especial que pertence a unha raza mítica, lendaria e con moito prestixio: a de Palleiro, o príncipe das corredoiras.

Duncan leva unha vida sinxela á beira do seu amo Aurelio e dos seus amigos, veciñas e rébanos de sempre, nunha pequena aldea no medio das montañas, chamada Oubidos, da que se sente moi fachendoso. Duncan ama profundamente ós nenos e ás nenas, e alí onde vai leva consigo unha gran sorpresa que non deixa a ninguén indiferente. Amizade, amor e liberdade son as palabras que mais lle gustan a Duncan de Palleiro.

 Lucecús Teatro, A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna

O venres 30 a compañía lucense Lucecús Teatro representará A verdadeira historia do poeta Manuel de Padernaás 18:00 horas no Multiusos.

Lucecús Teatro nace da confluencia de varios proxectos artísticos. Logo de moitos anos de traballo en diferentes colectivos teatrais de Lugo, tres vagalumes decidimos xuntarnos e dar un paso adiante coa máxima ilusión do mundo. Tres lucecús chamados Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez que teñen percorrido os escenarios de Galicia da man de grupos como Achádego, Palimoco ou Microefectos Dramatúrxicos. A compañía acaba de nacer pero xa son moitas as actuacións que levamos ás nosas costas, esperando ansiosos que o número se multiplique.

Comezamos este proxecto da man dos compañeiros de Ibuprofeno Teatro, que dirixirán este primeiro espectáculo que ogallá sirva para alumarnos polos camiños do mundo.

Manuel de Paderna é un home que posúe o enfeitizo poético e o dominio da palabra que fai parar as augas dos ríos, variar a situación dos mares, abrollar as fontes ou curar as persoas. Hai quen di que mesmo os paxaros suspendían os seus voos e ficaban inmóbiles no aire para aprenderen o seu canto e melodía... Manuel de Paderne é algo poeta, tamén traballa de barbeiro e de alguacil municipal. A partir dos textos de Manuel María construímos unha viaxe divertida e curiosa a través de varias historias que lle acontecen a este máxico personaxe.

 

 

Compañía Titiriterra con Belarmina, a fabulosa velutina

O Edificio Multiusos acollerá o luns 30 de decembro ás 18:00 h a obra Belarmina, a fabulosa velutina da Companía Titiriterra.

Belarmina é unha obra de teatro musical e é consecuencia do encontro entre Gustavo Fouce (director teatral), Martín Vázquez (músico) e Verónica Quintela (artesá creadora). Poñendo en común as súas habilidades e o seu interese pola natureza, nace unha obra fresca e chea de humor. O problema da invasión da vespa asiática da pé a unha sucesión de encontros e desencontros entre dous seres moi diferentes e moi humanos. A abella orgullosa e a vespa que se debate entre o desexo de amizade e o deber de devorar a súa nova amiga.