Presentación da XXII Feira do Libro de Monforte

Monforte de Lemos, 23 de agosto de 2019. A 1ª Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, presentaron hoxe unha nova edición da Feira do Libro de Monforte, que este ano cumpre a súa vixésimo segunda edición. Durante o acto, as representantes do Equipo de Goberno municipais estiveron acompañadas de Nani Regueira, a coordinadora Xeral da Federación de Libreiros de Galicia; de José Manuel Balseiro, Delegado Territorial da Xunta en Lugo; e de Pilar García Porto, Deputada provincial de Turismo e Promoción do Territorio da Deputación de Lugo.

 A XX Feira do Libro abrirá o vindeiro 28 de agosto, pola tarde e poderá visitarse ata o sábado 31. As casetas estarán abertas de 11 a 14 horas e durante a tarde de 19 a 22 horas. Serán catro xornadas de actividades nas que o público asistente poderá gozar de presentacións de libros, actividades infantís e sinaturas das obras por parte dos seus autores.

Na presentación, Doutón salientou que “dende o Equipo de Goberno colaboramos con esta festa da literatura porque consideramos que con ela conseguimos achegarlle ós cidadáns unha parte fundamental da nosa cultura e polo tanto, contribuímos á súa divulgación. Ó mesmo tempo, coa Feira do Libro ofrecemos o noso apoio a un sector tan importante como é o editorial.”

Do mesmo xeito, a concelleira de Cultura indicou que “dende o Concello imos seguir apostando por este tipo de eventos, xa que a lectura é a mellor forma de aprender de xeito ameno e divertido, tanto para os adultos como para os máis pequenos da casa”.

Deste xeito, rematou Doutón “convido a todo o mundo a que a partir do vindeiro mércores, se achegue ás casetas da Feira do Libro, que estarán coma sempre instaladas nun marco incomparable como é a rúa Cardenal, para adquirir novos libros que de seguro, lles axudarán a descubrir novas historias e novos lugares.”

      

Destacado programa de actividades

A feira inaugúrase o mércores 28 ás 19 horas co pregón a cargo da poetisa de A Pobra do Brollón, Olga Novo, e a actuación da Banda de Gaitas de Monforte. Ese mesmo día vaise presentar Feliz Idade, da propia Olga Novo, por Faktoria K de libros.

O xoves 29 ás 19 horas, haberá tres presentacións destacadas: ás 19 horas, Estrelas de Manteiga de Isabel Porto Collazo, por Sar Alejandría; ás 20 horas terá lugar a presentación da Guía del Camino de Invierno a Santiago, de Aida Menéndez; é ás 21 horas, Relatos de 70 mm, cos autores Margarita Rodríguez Otero, Fernándo Hernández e Sandra R. Fernández, así coma o prologuista e editor da editorial El Sendero, José Luis Ordoñez.

O venres 30 terá lugar ás 19 horas un concerto-presentación para os máis pequenos da casa A nena e o grilo, máis aló, con Magín Blanco (Galaxia). Ás 20 h, a presentación de Contodamina, de Rafa Lobelle (Chan de Pólvora). E ás 21 h, O lugar que non hai, de Estevo Creus (Chan de Pólvora).

A feira rematará o sábado 31. Ese día tamén terán lugar varias presentacións: ás 12 horas, Bailando sobre el parqué de Óscar Quant (editorial Milenio); ás 13 horas, Actrices secundarias de Clara do Roxo (editorial Elvira); ás 19 horas, concerto-presentación de Cantamos de Luís Vallecillo (Guindastre Edicións); e ás 20 horas, presentación de Soños de chicolate de Antón Valcarce (Agrasar Editores).