Presentación da xornada “A importancia do Románico no Camiño de Inverno”

Monforte de Lemos, 31 de outubro de 2019. A 1ª tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, participou hoxe na presentación da xornada “A importancia do Románico no Camiño de Inverno” que tivo lugar no Parador de Monforte. No acto estivo acompañada pola directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre, entidade que organiza esta xornada. A xornada celebrarase no propio Parador Nacional de Monforte os vindeiros 15 e 16 de novembro, e a matrícula é gratuíta.

A  directora da Escola Galega da Paisaxe agradeceu a implicación do Concello nesta actividade e resaltou a importancia que o románico ten na Ribeira Sacra, un arte que é necesario coñecer e reivindicar, porque ademais resalta o valor do propio Camiño de Inverno. Isabel Aguirre destacou, neste senso, a necesidade de organizar xornadas e encontros deste tipo, co obxectivo de potenciar o valor económico, social e artístico do mencionado camiño e da propia Ribeira Sacra.

Deste xeito, destacou a relevancia dos poñentes que participarán nas xornadas, coordinadas por Rosario Correia Machado, directora do Centro de Estudos do Románico e Copresidenta científica da Rota do Románico, e Pedro Calaza, Doutor arquitecto da Paisaxe e Doutor enxeñeiro agrónomo, experto en planificación en proxectos da Paisaxe.

Pola súa banda, Gloria Prada indicou que “para unha cidade como Monforte, capital da Ribeira Sacra, eventos como este son moi importantes non so para dar a coñecer, coma neste caso, a nosa arte Románica, senón tamén a riqueza cultural e paisaxística tanto da nosa cidade coma do noso entorno”. No mesmo senso, fixo fincapé en que “o Camiño de Inverno é cada vez máis coñecido. Estamos na senda axeitada para poñer esta ruta no lugar que se merece, pero temos que seguir sumando esforzos. É fundamental que dende as administracións vaiamos da man de colectivos que traballan tan comprometidos coma este, para dinamizar e impulsar iniciativas que lle dean un pulo ao turismo de peregrinaxe, promocionando todos aqueles atractivos naturais, históricos e culturais que abarca a nosa provincia.”

A 1ª Tenente de Alcalde salientou que “dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte, ó que hoxe represento, apoiamos decididamente este tipo de iniciativas porque supoñen dar a coñecer a nosa riqueza e o noso patrimonio, porque poñen en valor os nosos recursos turísticos, como o son o Camiño de Inverno ou a Ribeira Sacra”.

As xornadas están abertas a todo o público en xeral, tanto os axentes locais (turismo, concellos, etc) como á comunidade universitaria, aos profesionais, e en xeral a todos aqueles interesados no rol da paisaxe, o patrimonio e no desenvolvemento socioeconómico dos territorios, especialmente no da Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago.

 

As persoas interesadas deberán inscribirse na páxina web www.juanadevega.org antes do día 11 de novembro de 2019.

Máis información: 981.65.46.37 / info@juanadevega.org

 Triptico Xornadas Románico