Monforte de Lemos, 9 de maio de 2019. O Concello de Monforte ven de facer público o cartel gañador das vindeiras Festas Patronais da cidade, que terán lugar do 11 ó 16 de agosto de 2019.
A autora gañadora deste concurso, recuperado polo actual equipo de goberno en 2016, foi Sonia Álvarez Carnero, veciña de Anllo-Santo Estevo, do Concello de Sober, coa obra “Xanela Panorámica”.
Incremento no número de obras a concurso
En total, ó concurso presentáronse 33 traballos artísticos, 12 máis que o pasado ano. A maioría deles foron elaborados por veciños e veciñas de Monforte; en concreto hai 18 traballos da nosa cidade.
Tamén chegaron propostas doutras localidades galegas, en concreto dende Lugo (2), A Coruña (3), Chantada (2), Nigrán (1), Santiago (1), ou Vilagarcía (1), ademais do de Sober que finalmente foi o que resultou gañador.
Fóra de Galicia o concurso de carteis das Festas de Monforte tamén espertou interese. Proba diso é que se presentaron traballos dende Barcelona (1), Madrid (1), Oliva (Valencia, 1) ou Arre (Navarra, 1).
O xurado que fallou o concurso, dotado cun premio de 1.000 euros, estivo estivo constituído por representantes de diferentes empresas creativas de Monforte.
A elección do cartel que o xurado considerou como gañador, en verbas do Alcalde “é un deseño moderno que recolle simbólicamente elementos identificativos de Monforte e das nosas festas, como se pode ver na súa parte superior. Xoga ademais co fondo negro para resaltar 4 cores: o verde dos nosos xardíns, o azul do noso río Cabe, o vermello dos fogos artificiais e o amarelo do sol que nos ilumina durante o verán, época en que se celebran as nosas Festas Patronais”.
O Alcalde da cidade, José Tomé Roca, antes de ceder á palabra a Sonia Álvarez, quixo tamén agradecer “á empresa Gadis a súa colaboración neste concurso, así como na posterior impresión dos carteis das nosas Festas Patronais”.
Todos os carteis que se presentaron a concurso, as 33 obras, serán expostos durante o mes de agosto na casa da Cultura de Monforte. Unha vez remate dita exposición, os autores non premiados poderán retirar os seus carteis se así o desexan.