Monforte de Lemos, 10 de marzo de 2019. Mañá luns 11 de marzo, a Concellería de Igualdade do Concello de Monforte, a través do CIM e en colaboración co colectivo “Lemos Le” e cos centros educativos e bibliotecas de Monforte e da comarca de Lemos, fará a presentación pública do conto “Genoveva González Prieto: unha muller para o 8 de marzo”
Este acto encádrase dentro da programación de actividades que se fan dende o concello para conmemorar o 8 de marzo Día Internacional da Muller.
O conto “Genoveva González Prieto: unha muller para o 8 de marzo” é o resultado do traballo realizado durante o mes de marzo e abril do ano pasado co alumnado de educación primaria de Monforte e da comarca de Lemos.
Neste contexto, farase a presentación pública do Conto no Salón de Actos do Centro Cívico Social en catro sesións, unha de 11:00 a 11:30 horas, outra de 12:00 a 12:30, a seguinte de 12:30 a 13:00 e a última de 13:00 a 13:30 horas ás que está convidado todo o alumnado e profesorado que participou nesta iniciativa, isto é Centros Educativos, Bibliotecas e o colectivo “Lemos Le” aos que se lles fará entrega dunha serie de exemplares para que poidan ter dispoñibles nas súas instalacións e para que toda a poboación que o desexe poida acceder ao Conto.
O acto rematará ca reprodución do conto en formato dixital coa voz en off da xornalista Manola Porto Arias.