Teatro este xoves en Monforte coa obra “O caso é ter saúde” de Malasombra Produccións

 

Monforte de Lemos, 8 de abril de 2019. O teatro volverá ser protagonista esta semana da actividade cultural deseñada pola concellería de Cultura e Igualdade de Monforte, enmarcada dentro do ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Deste xeito, o vindeiro xoves día 11 terá lugar a última das representacións deste ciclo.

Así, a obra que se poderá ver no Edificio Multiusos do Concello será “O caso é ter saúde” a cargo da compañía Malasombra Produccións. A representación dará comezo ás 20:15 horas e o prezo da entrada xeral será de cinco euros, mentres que para estudantes, desempregados e xubilados será de tres euros.

“O caso é ter saúde” é obra de José Prieto, e está dirixida por Marcos Orsi e interpretada por Jouse García, Xoque Carbajal, Patricia Rodríguez Souto, Celia González e Carlos Mosquera. 

Un vinte e dous de decembro, o día da lotaría de Nadal,  Miki vive dúas circunstancias das que cambian por completo unha vida:

Lola, a súa parella, abandónao repentinamente e sen previo aviso despois de vinte anos de relación, e minutos máis tarde, o seu décimo resulta premiado con catro centos mil euros do gordo da lotaría. Miki non sabe como sentirse, pois está eufórico  e deprimido a partes iguais. Esta situación sumada á visita do seu amigo Suso, a posterior chegada dunha prostituta rusa chamada Irina e a inesperada aparición dun ladrón italiano chamado Dimitri farán que Miki viva a hora e media máis intensa e confusa da súa vida.

A obra transcorre nun entorno de crise, nun ambiente de clase media decadente, que ten que buscarse a vida de calquera xeito para saír adiante. O público, a través do distanciamento que produce a comedia, deixando ver claramente o ridículo das situacións, é o espectador privilexiado que observa ata que extremos se pode chegar con tal de saír adiante, aínda que sexa traizoando ós seres máis queridos ou facendo aquelas cousas que nunca se pensaron facer.

O caso é ter saúde ” é unha comedia de principio a fin, polo que a súa principal pretensión é que o espectador oscile entre  o sorriso e a gargallada durante a duración do espectáculo, que está cheo de personaxes divertidos metidos en situacións imprevisibles.

Dende o humor,  “O caso é ter saúde” fala da condición humana, da súa ambición polos cartos, e de todo o que a xente é capaz de facer con tal de conseguir o ansiado diñeiro.