Monforte de Lemos, 18 de outubro de 2019. A Casa do Concello de Monforte conta dende onte cun novo desfibrilador externo semiautomático (DESA) que foi instalado na pranta baixa do edificio, concretamente na parede do corredor que separa as portas de acceso ás oficinas de Intervención e de Recadación.
Este novo desfibrilador está destinado tanto ó persoal do Concello como a aqueles cidadáns que acoden á Casa Consistorial. Neste senso, o Concello conta con persoal formado para poder utilizar este novo servizo, logo de recibir un curso específico en primeiros auxilios e manexo do DESA.
O desfibrilador externo semiautomático é un aparello electrónico portátil que diagnostica e trata a parada cardiorrespiratoria cando é debida á fibrilación ventricular (na que o corazón ten actividade eléctrica pero sen efectividade mecánica) ou a unha taquicardia ventricular sen pulso (na que hai actividade eléctrica e neste caso o bombeo sanguíneo é ineficaz), restablecendo un ritmo cardíaco efectivo eléctrica e mecanicamente. A desfibrilación consiste en emitir un impulso de corrente continua ó corazón, despolarizando simultaneamente todas as células miocárdicas, podendo retomar o seu ritmo eléctrico normal ou outro eficaz. A fibrilación ventricular é a causa máis frecuente de morte súbita.
Deste xeito, o Equipo de Goberno do Concello, decidiu a instalación desta nova ferramenta sanitaria co obxectivo de proporcionar un servizo eficaz e preventivo, e que en definitiva pode salvar vidas.