Monforte de Lemos, 02 de marzo de 2020. A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó primeiro semestre de 2020 continúa en Monforte de Lemos este xoves 5 de marzo ás 20:15 no Edificio Multiusos coa posta en escena da obra para adultos 1879 casa de bonecas, da compañía Estudo Momento, obra escrita por Henrik Ibsen, adaptada por Xoán Carlos Mejuto e dirixida por Estudo Momento..
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.
Sinopse
1879 Casa de Bonecas é unha adaptación do texto clásico que o dramaturgo Henrik Ibsen estreara con grande escándalo a finais do século XIX. Predecesora dos grandes movementos feministas, ensalza a figura de Nora Helmer, esposa e nai perfecta, que rachará dun famoso "golpe de porta" con todas as ataduras do sistema patriarcal.
Esta versión centrada no matrimonio e protagonizada polos actores Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, convida ao espectador a recoñecerse na intimidade dunha relación desigual, entre homes e mulleres, como se o estivese a ver todo a través dunha ventá indiscreta...
A montaxe acadou o I Premio Luisa Villalta pola Igualdade concedido pola Deputación da Coruña.
A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será A compañeira de piso da compañía Contraproducións que terá lugar o xoves 26 de marzo no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.