Monforte de Lemos, 15 de xuño de 2020. Ma mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer, mediante unha roda de prensa, a celebración dunha nova edición do “Campamento Deportivo de Verán” do Concello.
O Alcalde salientou que “o Concello de Monforte organiza, para este verán de 2020, unha nova edición do “Campamento de Verán” motivados principalmente polas necesidades de conciliación familiar dos monfortinos e monfortinas así como para que nenos e nenas, rapaces e rapazas, poidan gozar dunhas vacacións activas practicando actividades lúdicas de xeito saudable, que en todo caso se organizarán tendo en conta as normas establecidas ante o COVID-19 polas autoridades sanitarias”.
“O noso obxectivo”, continuou Tomé Roca, “coa celebración dos Campamentos de Verán é propiciar a conciliación familiar e ofrecer ós nosos nenos e nenas unha actividade de verán divertida, saudable e segura, pese á situación sanitaria na que vivimos”.
Aumento do número de prazas e días de actividade
Os Campamentos de Verán do Concello de Monforte desenvolveranse por primeira vez nun período de tempo máis amplo do habitual, do 13 de xullo ó 21 de agosto.
Deste xeito, serán tres quincenas, cun total de 30 días de actividade. Neste senso o Alcalde salientou que “facemos un esforzo considerable dende o Concello, xa que en anos anteriores, establecíanse 2 quincenas durante o mes de xullo, con 20 días de actividade, isto quere dicir que aumentamos nun 30% a duración dos campamentos de verán”.
Tamén por primeira vez, os Campamentos distribuiranse en 3 quendas:
- a primeira, do 13 ó 24 de xullo,
- a segunda do 27 de xullo ó 7 de agosto,
- e a última do 10 ó 21 de agosto.
Nas tres quendas, as actividades desenvolveranse sempre de luns a venres, non festivos, de 10 a 14 horas.
Tomé Roca explicou que “esta distribución en 3 quendas está motivada polas lóxicas limitacións que nos impón a actual situación derivada do Coronavirus. Por ese motivo, tamén estableceremos 3 instalacións deportivas permanentes durante o todo o campamento, asignando a cada un dos grupos unha delas, á que chegarán e da que sairán todos os días: o Polideportivo municipal de A Pinguela, e os pavillóns deportivos do IES a Pinguela e dos Escolapios, a cuxos directores quero agradecer a súa colaboración co Concello.”
Cada unha das tres quendas contará con 80 prazas, tamén determinadas por cuestións de seguridade sanitaria e de distribución de espazos, polo que se ofertará un total de 240 prazas, un número maior que en pasadas edicións. Así mesmo, os grupos estarán compostos dun máximo de 10 persoas incluíndo ó monitor.
Destas 80 prazas por quenda, resérvanse 4 prazas para persoas con discapacidade superior ó 33 % e 4 prazas que quedan a disposición dos Servizos Sociais do Concello de Monforte.
As actividades ofertadas, como en pasadas edicións, combinarán accións multideportivas con obradoiros variados, e excursións diversas, e sempre prestando especial atención ás indicacións dadas polas autoridades sanitarias de cara á súa planificación.
Por primeira vez, preinscrición telemática
Nos Campamentos Deportivos de Verán poderán participar nenos e nenas de entre os 5 e os 12 anos de idade.
Outra das novidades importantes que dende o Concello se pon en marcha por primeira vez este ano é a preinscrición de xeito telemático que se habilitará a través dos enlaces que se ubican ó final desta noticia, co obxectivo de que a xente interesada poida, a través do seu móbil ou ordenador, facer a súa preinscrición sen necesidade de acudir fisicamente ás oficinas municipais.
No momento da preinscrición, as persoas interesadas poderán solicitar a participación entre 1, 2 ou 3 quendas e terán que asignarlle a orde de preferencia a cada unha delas.
Na asignación de prazas para a quenda preferente terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Monforte, así como persoas cuxos proxenitores estean ambos traballando e familias monoparentais.
Para a asignación do resto de quendas terán prioridade unicamente as persoas empadroadas no Concello de Monforte.
O prazo para levar a cabo esta preinscrición será entre o 16 e o 25 de xuño de 2020. O 26 de xuño procederase á publicación da lista de persoas preinscritas.
A adxudicación de prazas será atendendo primeiramente os criterios de preferencia e de ser necesario realizarase sorteo de prazas, e o 29 de xuño darase a coñecer a lista de persoas admitidas así como a lista de espera.
A inscrición definitiva, coa aportación da documentación requirida, efectuarase entre o 30 de xuño e o 8 de xullo. A inscrición definitiva poderá facerse de dous xeitos:
• Enviando toda a documentación requirida por correo electrónico ó enderezo deportes@concellodemonforte.com.
• Presentando toda a documentación requirida nas Oficinas Municipais de Deportes ou Xuventude sitas nas Casitas da Compañía.
O custe da actividade será, ó igual que en pasadas edicións, de 51,75 euros por quincena para matrículas sen transporte e de 67,28 euros para aqueles nenos e nenas que necesiten transporte para achegarse ó seu campamento (tanto á ida como á volta), xa que, ó igual que outros anos, séguese ofertando o servicio de transporte en autobús para todos aqueles que o necesiten. As familias numerosas terán un 50% de desconto.
Protocolos de seguridade e hixiene fronte ó COVID-19
“Outro dos aspectos esenciais sobre os que o Equipo do Goberno traballou intensamente para garantir o éxito na organización e desenvolvemento dos Campamentos de Verán deste ano, foi o establecemento de protocolos de seguridade e hixiene fronte o COVID-19. Así, deseñamos un protocolo de actuación que seguiremos escrupulosamente para toda a duración do campamento acorde coas medidas prescritas polo Ministerio de Sanidade e en colaboración cos responsables encargados de levar a cabo as actividades de lecer planificadas” destacou o Alcalde.
“Para elo, estableceremos espazos de actividade permanentes e exclusivos para cada grupo. Deste xeito cada grupo terá asignado un punto de chagada e saída durante todos os días de actividade, no que tamén levarán a cabo parte das actividades programadas evitando así a interacción con outros grupos. Formaremos grupos reducidos dun máximo de 10 persoas incluído o monitor ou monitora, que serán sempre os mesmos durante toda a quenda”.
Deste xeito, dende o Concello establécense 3 protocolos de actuación ante o Coronavirus:
- Protocolo para a chegada e a saída dos menores:
- A entrada e saída ao campamento farase de xeito gradual para evitar aglomeracións.
- As familias deixarán ós menores ó coidado do monitor na entrada da instalación que teñan asignada, onde se desinfectarán as mans con xel hidroalcohólico e o Concello lles facilitará unha mascarilla diaria mentres dure a actividade.
- Unha vez dentro da instalación asignada os nenos e nenas colocarán a súa mochila nun lugar habilitado para elo.
- Á saída do campamento os nenos e nenas realizarán a mesma rutina que ó inicio. Antes de marchar botarán a mascarilla nun contenedor preparado para iso, desinfectarán as mans con xel desinfectante e reuniranse coa persoa que ven a recollelos.
- Protocolo durante o desenvolvemento das actividades:
- Realizarase con maior asiduidade o lavado e desinfección de mans durante a mañá.
- Os monitores estará atentos a posibles síntomas dos nenos e nenas para poder comunicarllo ás familias e ó Concello.
- Cada grupo terá o seu material propio así como un espazo delimitado durante a duración co campamento.
- Cada neno/a deberá levar da súa casa unha botella de auga rotulada co seu nome.
- Protocolo de desinfección diario das instalacións, que consistirá na limpeza e desinfección de cada instalación, unha vez finalizada a actividade de cada día.
En todo caso, estes protocolos de actuación poderán verse modificados en función das medidas prescritas polas autoridades sanitarias e en función da evolución do Coronavirus ó longo destes meses.
XIV Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo
Antes de rematar a súa intervención o Alcalde tamén informou de q ue, dado que a segunda e terceira quendas dos Campamentos van a celebrarse no mes de agosto, estas vanse solapar coa celebración da edición número 14 do Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo, que se celebra cada ano a principios do mes de agosto.
Por este motivo, todas aquelas persoas que queiran inscribirse neste Campus do RC Celta, deberán ter en conta a súa coincidencia no tempo con parte dos Campamentos de Verán do Concello.
O rexedor municipal anunciou, nese senso, que dende o Concello farase coincidir os prazos de inscrición para este Campus do Celta cos dos Campamentos de Verán.
Así, esta edición número 14 do Campus do Celta tamén se vai a ver afectada por esta crise sanitaria que nos toca vivir. Deste xeito o número de prazas que se van a ofertar vai ser de 54, o que vai permitir traballar en grupos máis reducidos de 9 alumnos e 1 adestrador/a.
Do mesmo xeito que nos campamentos deportivos, para o Campus do Celta se establecerá un protocolo específico de actuación para a prevención do COVID-19.
O Alcalde rematou a súa intervención salientando que “dende o Concello, fixemos un esforzo moi importante non so para poder manter a súa celebración, senón tamén para mellorar e aumentar o número de días, de actividades e de prazas ofertadas, para garantir todas as medidas sanitarias necesarias ante o COVID-19, para facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar dunhas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”.
PARA ACCEDER Á PREINSCRICIÓN NO CAMPAMENTO DEPORTIVO DE VERÁN, PINCHA NESTE ENLACE:
www.monfortedelemos.es/gl/deportes/formulario/preinscripcion-verano-campamentos-2020
PARA ACCEDER Á PREINSCRICIÓN NO XIV Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo, PINCHA NESTE ENLACE:
NORMAS DE INSCRICIÓN:
Normas de Inscrición Campamento Deportivo de Verán 2020
Normas de Inscrición XIV Campus de fútbol Cidade de Monforte Celta de Vigo
LISTADOS DE PERSOAS PREINSCRITAS:
Listado_Preinscritos_CAMPAMENTO_DEPORTIVO_VERAN.pdf
Listado_Preinscritos_XIV_CAMPUS_FUTBOL.pdf