Monforte de Lemos, 20 de outubro de 2020. Na Xunta de Goberno do Concello de Monforte, celebrada onte luns día 19, o Equipo de Goberno aprobou a convocatoria para a concesión de subvencións a Asociacións culturais, lúdicas, recreativas ou formativas, sen ánimo de lucro e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, para actividades realizadas no exercicio 2020.
A contía destinada a estas subvencións ascende a 12.000 euros, e o importe de cada subvención non poderá superar os 1.000 euros, nin o 70% do investimento subvencionable por cada anualidade.
Nos vindeiros días, publicaranse as bases destas axudas no Boletín Oficial da Provincia. Dende ese momento, as asociacións interesadas terán 10 días hábiles para presentar as súas solicitudes, tanto no Rexistro Xeral do Concello como a través da súa Sede Electrónica. E unha vez lles sexan concedidas as mesmas, o prazo para xustificalas será ata o 15 de decembro.
A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, quen deu a coñecer esta liña de axudas, resaltou que “o que pretendemos, tanto o Alcalde como o Equipo de Goberno, é seguir apoiando a labor das nosas asociacións, especialmente neste momento de crise provocada pola pandemia da Covid-19. Por iso, decidimos manter o mesmo importe que destinamos no 2019 para este tipo de axudas, 12.000 euros, a fin de apoiar actividades que son imprescindibles para o desenvolvemento cultural da nosa cidade, como son charlas, coloquios, conferencias, publicacións, concertos, eventos, etc. En definitiva, a pesares desta pandemia, as asociacións de Monforte seguirán contando un ano máis co apoio deste Equipo de Goberno”.
Requisitos dos beneficiarios e finalidade das axudas
Para poder optar a este tipo de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, as asociacións deben cumprir unha serie de requisitos, ademais de figurar legalmente constituídas no rexistro de asociacións do Concello (ter domicilio social, sede ou representación en Monforte) e desenvolver actividades de interese xeral para o municipio, xa sexan de carácter cultural, veciñal, popular, profesional, lúdico ou recreativo.
Estes requisitos son:
- Carecer de ánimo de lucro.
- Estar debidamente inscrita no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Monforte de Lemos no momento de presentar a solicitude.
- Non ser debedora co Concello por calquera tipo de débeda de dereito público (será comprobado de oficio pola administración).
- Non ser debedora coa Facenda estatal ou autonómica e estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social.
- Non estar incursa en prohibición para obter a condición de beneficiaria de subvención públicas.
- Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.
- Para estas subvencións quedan excluídas Asociacións e Entidades Deportivas, así como aquelas que realicen actividades de carácter social, pois contan con liñas de axuda específicas.
A finalidade das axudas será contribuír ao financiamento de programas, proxectos ou actividades culturais levadas a cabo por Entidades e Asociacións sen ánimo de lucro no Concello de Monforte de Lemos no exercicio 2020.
Non serán subvencionables os gastos de reforma e acondicionamento de locais, vestiario, actividades con ánimo de lucro ou calquera outro gasto non relacionado co proxecto presentado. Así mesmo quedan excluídas desta convocatoria as axudas a festas patronais, comidas e eventos relixiosos.
A Tenente de Alcalde concluíu salientando que “con estas axudas dende o Equipo de Goberno do Concello apoiamos ás iniciativas, actuacións e programas que contribúen á dinamización da vida cultural de Monforte, actividades que complementan os programas dos servizos culturais municipais e que se dirixen á comunidade en xeral. E facémolo especialmente nun momento de crise sanitaria, económica e social, no que as administracións debemos apoiar á cultura, porque é parte esencial da nosa sociedade.”