Inauguración da quinta edición do Coworking Ribeira Sacra

Monforte de Lemos, 3 de marzo de 2020. A quinta edición do espazo Coworking de Monforte de Lemos, foi inaugurada oficialmente na tarde de onte nas instalacións de Expolemos pola 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, acompañada polo director do evento, Alfonso Martínez, e Estefanía  Suárez Mansilla, Subdirectora da oficina Galicia Emprende- IGAPE.

Ante os 17 emprendedores anotados para esta nova edición, Gloria Prada expresou que “é unha satisfacción ver como despois do éxito acadado nas catro primeiras edicións, nesta quinta que empezamos hoxe, o número de inscritos é similar respecto ás edicións anteriores, o que indica que a formación que aquí se imparte é atractiva para os participantes pero sobre todo é útil para o obxectivo que pretenden acadar os emprendedores, que non é outro que o de levar adiante o seu proxecto de empresa”. 

O evento conta co apoio do IGAPE, a Escola de Organización Industrial do Ministerio de Industria, o Fondo Social Europeo e o Concello de Monforte de Lemos.

 

         

V Coworking Ribeira Sacra

No Espazo Coworking Ribeira Sacra os responsables dos 17 proxectos participantes nesta quinta edición recibirán, sen ningún tipo de custe para eles, asesoramento e un apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas. Os emprendedores atoparán un espazo de traballo en Expolemos con aulas e salas de reunións nas que recibirán formación e disporán dun mentor personalizado que os axudará a validar e lanzar o seu proxecto.

O programa desta quinta edición abarca diversos sectores produtivos como os son as enerxías renovables, o turismo sostible, a agroalimentación ou os servizos de ocio especializados. Deste xeito, entre as iniciativas inscritas atópase un proxecto de empresa agroforestal, unha enxeñería sostible, unha granxa escola, un centro de atención á infancia ou un centro de ocio para maiores.

Os 17 proxectos elixidos superaron un proceso de selección nos que se valoraron aspectos coma viabilidade, nivel de desenvolvemento ou posibilidade de implantación na comarca de Lemos. Os criterios de selección correron a cargo da Escola de Organización Industrial. Neste senso, para a 1ª Tenente de Alcalde de Monforte “as iniciativas empresariais son necesarias en calquera pobo ou cidade, pero son moito máis importantes cando se dan nas comarcas do interior, como neste caso a comarca de Lemos”.

O Espazo Coworking ofrecerá asesoramento durante 5 meses e o programa está concibido para emprendedores que aínda non constituísen a súa empresa, pero ademais, participan tamén persoas que están nunha fase inicial de desenvolvemento do seu proxecto.

Gloria Prada pechou a súa intervención agradecendo a asistencia e o interese de todos os emprendedores participantes, aos que desexou que “as vosas iniciativas empresariais se convertan en realidade, que cumprades o voso soño, porque iso significará que axudaredes a dinamizar a actividade económica desta comarca e tamén contribuiredes á creación de novos postos de traballo”.