Inauguración das xornadas Xira Mulleres no Centro Cívico de Monforte

Monforte de Lemos, 4 de marzo de 2020. Na mañá de hoxe deu comezo a primeira das actividades organizadas polo Concello de Monforte arredor do 8M, Día Internacional da Muller. Deste xeito, o Centro Cívico acolleu a inauguración do Proxecto Xira Mulleres: “Encontra a túa ruta”, que se desenvolverá hoxe e mañá e que está dirixido a mulleres de 18 a 60  anos, tanto de Monforte coma de toda a comarca, vencelladas ó sector da alimentación e bebidas.

No acto inaugural estiveron presentes a 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, e o Deputado Provincial da Área de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, quenes estiveron acompañados por Ana Vallejo, profesora de Alma Natura que desenvolve ditas xornadas e pola Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.

Na súa intervención Gloria Prada agradecer tanto ás responsables da Fundación Coca Cola como á Deputación Provincial de Lugo que elixiran “a nosa cidade para a celebración de este proxecto, no que se buscará impulsar o voso empoderamento, para reforzar o voso auto coñecemento e a vosa auto confianza, xa que estes son elementos necesarios para emprender ou para coller forza de cara a afrontar o mercado laboral e empresarial”.

A 1ª Tenente de Alcalde engadiu que “dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte, cremos que iniciativas coma esta contribúen a favorecer a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, para avanzar nos dereitos e liberdades das mulleres en todos os ámbitos: o laboral, o social, o económico e o persoal.”

E concluíu reiterando “o noso apoio dende o Concello a iniciativas coma Xira Mulleres, porque pensamos que pode contribuír a cambiar a realidade de desigualdade na que a nosa sociedade está inmersa. E porque pode axudar a que as mulleres poidamos desempeñar un papel fundamental no desenvolvemento económico e social do noso territorio.”

Proxecto Xira Mulleres

Este é un proxecto impulsado pola Fundación Coca Cola en colaboración coa Deputación de Lugo e co Concello de Monforte, e impartido por Alma Natura, para favorecer o empoderamento de 5 millóns de mulleres a través dunha formación especializada para guialas na toma de decisións da súa vida profesional e impulsar a súas ideas de negocio.

Os obradoiros formativos desenvólvense en dás sesión diferenciadas: en horario de mañá para mulleres desempregadas e emprendedoras (de 9:30 a 13.30 h), e en horario de tarde para mulleres empresarias (de 16 a 20 horas).

Durante a primeira sesión, “Atopa a túa voz”, trabállanse contidos que impulsen o empoderamento persoal das participantes (auto coñecemento e auto confianza), elementos necesarios para emprender ou potenciar os seus negocios. Ademais sensibilizarase ás mulleres da oportunidade que emprender pode supoñer ao seu futuro profesional, e como é importante repensar e adaptar os negocios para manteren  a súa competitividade no mercado.

A segunda sesión “Atopa o teu negocio”, destínase a detectar posibles ideas e negocios que poidan dar resposta ás necesidades do territorio, ou a detectar as posibles carencias que os negocios das mulleres empresarias poidan ter. Así, traballarase máis directamente sobre as ideas ou proxectos das mulleres participantes, para sacarlles o máximo partido e que poidan marcar unha diferencia no seu entorno.

Despois da formación presencial, as mulleres que queiran poderán continuar coa segunda etapa “Inicia a túa viaxe”, poderano facer a través da plataforma web www.giramujeres.com.