Monforte de Lemos, 19 de febreiro de 2020. O Centro Cívico de Monforte acolleu onte a celebración da Networking Galicia 2020, organizada polo Concello e a Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de informar a empresarios e emprendedores sobre as liñas de apoio establecidas por dita Consellería en materia de promoción empresarial.
A xornada foi inaugurada pola 1ª Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, quen estivo acompañado polo Conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e a Secretaria Xeral de Emprego, quen explicou diferentes liñas de axudas para PEMES.
Gloria Prada, na súa intervención destacou que “este tipo de iniciativas son necesarias en todo o territorio, pero son moito máis necesarias no interior de Galicia, onde o tecido empresarial é máis feble e necesitamos reequilibrar o territorio dende as administracións que teñen competencia para iso”. Neste senso, puntualizou que “dende o Concello de Monforte valoramos positivamente as sinerxias e as necesarias relacións entre administracións, pois o obxectivo de todas elas é apoiar e axudar ás nosas PEMES xa que elas son o motor económico do noso tecido empresarial e social.”
Do mesmo xeito, o Concello de Monforte tamén conta con liñas de axuda deste tipo, algo que destacou e agradeceu unha das empresarias participantes nesta xornada.
Tras as súas intervencións celebrouse un viño galego durante o cal os organizadores das xornadas atenderon de xeito individualizado as consultas e dúbidas dos asistentes á xornada.