Monforte acolle por primeira vez unhas xornadas de formación universitaria para maiores de 50 anos

Monforte de Lemos, 29 de setembro de 2020. A  Concelleira de Cultura, Marina Doutón, acompañada pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, inaugurou no Centro Cívico de Monforte as xornadas “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”, encadradas dentro un programa de formación universitaria dirixido a maiores de 50 anos, froito do acordo que a entidade monfortina estableceu coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O programa de formación universitaria, que é a primeira vez que se celebra en Monforte con estas características, está composto por diversos seminarios formativos, totalmente gratuítos. E sendo unha primeira edición, cabe destacar o éxito no número de inscricións, que se cifra en 24 persoas. Nestas xornadas, púidose inscribir calquera persoa maior de 50 anos, de xeito totalmente gratuíto, e non era necesario posuír ningunha formación previa específica.

A Concelleira destacou na súa intervención que “para o Equipo de Goberno do Concello e para Monforte é moi importante que se celebren este tipo de xornadas na nosa cidade, dirixidas á nosa poboación maior de 50 anos, que moitas veces non ten nin os recursos nin a oportunidade de acceder a este tipo de coñecementos”.

Neste senso, concluíu Doutón “con este programa garantimos o dereito de todos os cidadáns ó acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos, é dicir, contribuímos á democratización do coñecemento entre os nosos cidadáns”.

Antecedentes

As institucións públicas galegas, como establece a Constitución e o Estatuto de Autonomía de Galicia, teñen a obriga de por os medios para espallar o coñecemento e o saber a toda a sociedade, tanto o coñecemento universal como o local, mais relacionado neste caso coa memoria histórica e social das comarcas e concellos. Neste senso, entidades como a Universidade de Santiago de Compostela e os propios concellos, xogan un papel fundamental, que é o caso destas accións formativas ofertadas.

Así, froito desta necesidade e inquietude que persegue a democratización do coñecemento, o Concello de Monforte alcanzou un acordo coa USC, e co apoio da Deputación de Lugo, para desenvolver na cidade o programa universitario para maiores de máis de 50 anos “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”.

O programa achega esta formación específica a zonas e sectores da poboación que, por diferentes motivos (xeográficos, económicos …), non poden asistir ó devandito programa de formación para maiores nas instalacións universitarias en cada unha das sedes oficiais da USC. A colaboración co Concello de Monforte, que pon a disposición de docentes e participantes, as instalacións do Centro Cívico, posibilita o desenvolvemento deste programa.

Obxectivos

O obxectivo principal deste programa é favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundido o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos nos concellos que se suman a este proxecto. Para elo, desenvólvense accións específicas que se concretan en varios obxectivos específicos:

  • Revalorizar e profundar no valor do noso patrimonio.
  • Concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día das nosas vidas.
  • Recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas nosas emocións e vivencias.
  • Adaptar e coñecer as competencias sociosanitarias dos principios de envellecemento activo.
  • Acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación a través do exercicio intelectual que require este tipo de formación.

Metodoloxía

A metodoloxía é de corte participativa e aberta, na que os docentes universitarios desenvolveran varias sesións de docencia: teóricas unhas (de conferencia/seminario onde se pretende favorecer o dialogo e participación dos asistentes) e outras prácticas (con actividades de visita guiada, obradoiro,…) sendo unhas de corte máis humanístico, outras máis científicas e outras artísticas.

Programa “Camiños de coñecemento e experiencia” en Monforte

O programa de seminarios e activades prácticas desenvólvese dende hoxe venres día 9 no Centro Cívico de Monforte (Paseo do Malecón) e ata o 21 de outubro de 2020. Dito programa conta coas seguintes actividades teóricas e prácticas:

-Seminario: Biodiversidade e Conservación

09/10/2020 16:30-18:00 h.

Profa. Dra. Dna. Teresa Rodríguez López. Facultade de Veterinaria (USC)

 

-Saída á Ribeira Sacra.

14/10/2020 16:30-18:00 h.

Profa. Dra. Dna. Teresa Rodríguez López. Facultade de Veterinaria (USC)

Prof. Dr. D. Emilio Carral Vilariño. Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (USC)

-Seminario: Introdución á criminoloxía. A criminoloxía e a política criminal.

15/10/2020 16:30-18:00 h

Profa. Ana Moure Soengas. Facultade de CC. Políticas (USC)

 

-Obradoiro práctico: A análise dunha “huella dactilar”.

16/10/2020 16:30-18:00 h

Profa. Ana Moure Soengas. Facultade de CC. Políticas (USC)

 

- Casais, casas grandes e pazos. Un paseo pola tradición popular e fidalga monfortina.

20/10/2020 16:30-18:00 h

Profa. Dna. Carolina Casal Chico. Licenciada en Hª da Arte e investigadora da Rede de Estudos Medievais da USC

 

-Visita ó Pazo de Tor.

21/10/2020 16:30-18:00 h

Profa. Dna. Carolina Casal Chico. Licenciada en Hª da Arte e investigadora da Rede de Estudos Medievais da USC