O Alcalde anuncia a apertura do prazo para solicitar as axudas do Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos de Monforte

Monforte de Lemos, 23 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou que, tras a publicación no día de hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) das Bases reguladoras do Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos do Concello de Monforte de Lemos, todos aqueles monfortinos interesados en solicitar estas axudas, poderán presentar as súas solicitudes dende este xoves día 25 de xuño e ata o mércores 15 de xullo, ambos incluídos.

O Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos do Concello de Monforte de Lemos, foi dado a coñecer o pasado mércores día 17 de xuño polo Alcalde da cidade. O Plan distribuirá unha partida de medio millón de euros, mediante bonos para o consumo, a todas as unidades familiares censadas en Monforte, tanto da cidade como das parroquias “para que poidan adquirir os bens, servizos profesionais e consumos que necesiten e, ó mesmo tempo, signifique unha axuda para a economía monfortina debido a que as compras deberán ser realizadas nos establecementos de Monforte de calquera sector económico”, salientara o Alcalde en dita presentación.

Para o desenvolvemento do Plan, establécense 3 niveis de bonos-axuda en función do número de habitantes empadroados en cada domicilio, segundo o Padrón Municipal:

- Vivendas de entre 1 e 2 habitantes empadroados: 4.870 domicilios.

-  Vivendas de entre 3 e 4 habitantes empadroados: 2.419 domicilios.

- Vivendas de 5 ou máis habitantes empadroados: 501 domicilios.

O total de unidades padroais con dereito a estes bonos ascende a 7.790.

Así, a contía máxima dos bonos é a seguinte:

  • Domicilios  de entre 1 e 2 membros2 bonos por vivenda, sumando un total de 50 €.
  • Domicilios de entre 3 e 4 membros3 bonos por vivenda, sumando un total de 75 €.
  • Domicilios de 5 ou máis membros4 bonos por vivenda, sumando un total de 100 €.

 

Quen pode solicitar os bonos do Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos?

Para ser perceptor ou preceptora dos bonos é preciso cumprir varios requisitos, na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes:

  1. Estar empadroado no Concello de Monforte de Lemos.
  2. Que a persoa solicitante así como os  demais habitantes no domicilio estean efectivamente empadroados no Concello de Monforte de Lemos no momento de presentación da solicitude.
  3. Non poderán ser perceptores dos bonos os membros electos da Corporación Municipal.

Os bonos terán carácter único e non acumulativo, de tal maneira que só poderá concederse unha axuda por domicilio e en función do número de empadroados. Do mesmo xeito, serán compatibles con calquera outra axuda para a mesma finalidade concedida por parte doutras entidades públicas ou privadas.

 

Solicitudes: documentación, lugar de presentación e prazos

O modelo de solicitude normalizado para a petición dos bonos estará dispoñible dende hoxe na web municipal www.monfortedelemos.es e no Rexistro do Concello.

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento:

a)    Modelo normalizado de solicitude  (Anexo I)

b)    Fotocopia dos DNI dos empadroados na vivenda

c)     Consentimento expreso para que o Concello comprobe os datos de padrón relacionados coa solicitude.

No suposto de que algúns dos documentos requiridos non podan presentarse por substituirase por unha declaración responsable, con compromiso de achegalos cando sexa requirido polo Concello.

As solicitudes, que deberán dirixirse á Unidade de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte de Lemos ou por vía telemática, xuntando o modelo normalizado xa indicado.

O prazo de presentación de solicitudes será dende este xoves 25 de xuño ata o mércores 15 de xullo, ambos incluídos.

A concesión da subvención efectuarase en réxime de concorrencia non competitiva, e serán resoltas en función da data e hora de entrada que figuren rexistradas as solicitudes. A unidade instrutora comprobará pola súa orde cronolóxica de presentación as solicitudes recibidas.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, ditarase resolución pola Alcaldía cos beneficiarios que houberan presentado a súa solicitude reunindo a totalidade de requisitos e a documentación requirida na convocatoria. Igualmente ditarase resolución na que se inclúan aqueles solicitantes que, por non cumprir cos requisitos establecidos na convocatoria. Nestes casos outorgaráselles un prazo de 10 días hábiles para que emenden a súa solicitude e presenten a documentación requirida. Os acordos serán obxecto de publicación, na páxina web municipal e na Base de datos nacional de Subvencións.

 

Entrega e utilización dos bonos

Unha vez feitas as solicitudes dos bonos e comprobada a procedencia de entrega dos mesmos, a unidade instrutora entregará os referidos bonos ós solicitantes. Os bonos facilitaranse por unha soa vez e estarán selados e asinados polo Alcalde de Monforte de Lemos.

Cando a persoa solicitante estea en posesión dos bonos, poderá adquirir os bens, servizos profesionais ou consumos nos establecementos de Monforte de Lemos, que escolla libremente, polo importe máximo que figura neles ós que ten dereito cada unidade familiar, segundo o número de empadroados.

A modo de exemplo, destacou o Alcalde “os bonos poderán utilizarse en tendas de alimentación, roupa, xoguetes, ferreterías, locais de hostalería (por exemplo no prato do día ou en comida para levar), perruquerías, en servizos profesionais tales como avogados, xestorías, fontaneiros, electricistas, albaneis... É dicir, pódense utilizar en calquera sector económico de Monforte que necesite cada familia”.

En caso de extravío do bono tanto pola persoa beneficiaria coma polo/a comerciante non se expedirá un novo bono para evitar calquera mala práctica.

Se o importe dos bens adquiridos, servizos profesionais recibidos ou os consumos é inferior ó valor dos bonos, o persoal do establecemento deberá facelo constar na solicitude de reintegro que presentará no Concello de Monforte de Lemos, facendo constar o número de bonos e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza.

Pola contra, se o importe fose superior ó do bono, o persoal do establecemento emitirá solicitude de reintegro polo importe do bono e a diferenza será pagada pola la persoa solicitante. O concello soamente asumirá a contía establecida no bono ou bonos, no caso de que fose más dun bono de 25 €, o que se gaste no establecemento.

Os bonos non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada bono só pode ser utilizado nun único establecemento, podendo ser utilizados todos os bonos no mesmo ou en diferentes negocios, sempre que o gasto mínimo sexa de 25 € para beneficiarse dos mesmos, na súa totalidade.

Unha vez entregados os bens, prestación de servizos ou realizado o consumo, non alcohólico, a persoa que o realice entregará o bono asinado ó establecemento que quedará en posesión do mesmo e presentará a solicitude de reintegro no Concello acompañada do citado bono ou bonos.

 

BASES Plan Apoio Familias e Sectores Económicos de Monforte

SOLICITUDE Plan Apoio Familias e Sectores Económicos de Monforte