O Alcalde anuncia a apertura hoxe dos parques públicos infantís de Monforte

Monforte de Lemos, 15 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que na xornada de hoxe levarase a cabo a apertura de 15 dos 16 parques públicos infantís do municipio. O Parque de A Pinguela será o único que polo momento non poida abrir, debido a que se están levando a cabo nel obras de mellora.

O Alcalde salientou que “a apertura dos parques infantís levámola a cabo de acordo coa lei, que marca unha limitación do aforo de cada parque de 1 persoa por cada 4 metros cadrados, e garantindo as medidas de hixiene e seguridade que determinan as autoridades sanitarias.”

Neste senso, o persoal da Concellería de Medio Ambiente, procedeu á instalación de carteis informativos en todos os accesos de cada parque, nos que se especifica o aforo de cada un deles e se roga o respecto das distancias de seguridade así coma o respecto das normas de hixiene ditadas polas autoridades sanitarias.

O rexedor municipal tamén recalcou que “dende o Concello, levaremos a cabo en cada parque unha desinfección diaria a primeira hora da mañá, a fin de garantir condicións de seguridade sanitaria e hixiénica dos mesmos”.

A apertura dos parques infantís lévase a cabo seguindo a normativa publicada polas autoridades sanitarias sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Concretamente, no que se refire ás medidas relativas a parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre, as autoridades sanitarias establecen que os parques infantís poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.

Do mesmo xeito, na norma tamén se sinala que deberán aplicarse as medidas de hixiene e prevención establecidas, especialmente no que se refire a proceder diariamente á limpeza e desinfección destes espazos nas áreas de contacto das zonas comúns, tales como xogos das zonas infantís, aparatos de actividade física ou outro mobiliario urbano de uso compartido.

 

Aforo máximo permitido

O aforo máximo permitido en cada parque de Monforte, de acordo coa norma establecida de 1 persoa por cada 4 metros cadrados, é o seguinte:

  • Parque Irmás Dapena: 37 persoas
  • Parque da rúa Santiago: 50 persoas
  • Parque da rúa Chantada: 35 persoas
  • Parque da Compañía: 300 persoas
  • *Parque de A Pinguela: 103 persoas (*pechado temporalmente por obras)
  • Parque de Carude: 5 persoas
  • Parque Val de Lemos: 30 persoas
  • Parque Florida: 88 persoas
  • Parque de Río Seco: 70 persoas
  • Parque Rosalía de Castro: 23 persoas
  • Parque López Suárez: 56 persoas
  • Parque Barxelo: 36 persoas
  • Parque de Seoane: 27 persoas
  • Parque de Sindrán: 30 persoas
  • Parque de Gullade: 30 persoas
  • Parque de Carballo: 20 persoas

O Alcalde tamén informa de que os parques da cidade “están en boas condicións para proceder á súa apertura, logo de que dende mediados do mes de maio iniciásemos a limpeza integral do chan e do mobiliario de todos os parques da cidade, así como o pintado e remozado de todos os elementos dos mesmos.”