O Alcalde anuncia a mellora da rúa A Veiga

Monforte de Lemos, 4 de novembro de 2020. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, segue a dar conta das actuacións de mellora en infraestruturas urbanas da cidade, que se encadran dentro do plan posto en marcha polo Equipo de Goberno do Concello para mellorar as diferentes zonas da cidade e das parroquias, e que forman parte dos 24 contratos que o Alcalde anunciou hai uns días.

Nesta ocasión, a obra de mellora anunciada polo Alcalde, afectará á Rúa A Veiga, e a lonxitude sobre a que se actuará nesta calzada será de 1.155 m2.

Xa está aberto o prazo de licitación, que se extenderá ata o 12 de novembro, para o que se estableceu un orzamento máximo 50.275,40 euros.

O Alcalde destaca que “con esta obra de mellora na rúa A Veiga procederemos á renovación do seu firme, posto que presenta numerosas irregularidades e baches, facilitando así ós veciños da zona o tránsito axeitado pola mesma”.

 

Actuacións de mellora

As obras de renovación do firme da rúa A Veiga consistirán, en primeiro lugar, no varrido do firme as zonas afectadas, por medios mecánicos, consistindo nunha limpeza enérxica da superficie do pavimento existente mediante cepillo de arame.

Posteriormente, en toda a calzada, procederase a aplicar unha nova capa de rodadura, consistente nunha capa de aglomerado en quente, tipo D-12, de 4 cm. de espesor, na que se  incluirá o rego de adherencia e o bacheo previo nas zonas en que é necesario.

A continuación, procederase ó levantado ou recalce de tapas de arquetas e rexistros para alcanzar o novo nivel da capa de rodadura.

E para rematar, na calzada, unha vez terminada a colocación da nova capa de aglomerado, procederase ao pintado da vía, coa marcaxe das liñas, cebreados e símbolos correspondentes.

“Esta nova obra de mellora”, destacou o Alcalde “forma parte dos 24 contratos que imos contratar, subvencionar ou conveniar antes de fin de ano, para asegurar a súa financiación. Neste caso, os traballos para a rúa A Veiga serán adxudicados ó longo deste mes de novembro”.