O Alcalde anuncia unha nova entrega de 2.854 bonos do Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos de Monforte

Monforte de Lemos, 24 de setembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar un novo decreto polo que se resolve a concesión das axudas englobadas no Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos de Monforte. Deste xeito, isto supón que comezarán a entregarse, a partir do luns 28 de setembro, unha nova partida de bonos a aqueles cidadáns que presentaron as súas solicitudes entre o 6 e o 8 de xullo e que cumpren con todos os requisitos establecidos nas bases da convocatoria do Plan.

Esta segunda entrega de bonos supón a continuidade no proceso de reparto de axudas englobadas neste Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos de Monforte, tras a entrega iniciada a pasada semana dos primeiros 5.000 bonos para as solicitudes presentadas 25 de xuño e o 5 de xullo.

En concreto, a entrega desta segunda partida de axudas, que ascende a un total de 2.854 bonos, está destinada ás familias monfortinas que presentaron as súas solicitudes entre o 6 e o 8 de xullo e que cumpren con todos os requisitos establecidos nas bases da convocatoria do Plan. Para o pago do que son 1.154 axudas familiares destinaranse 71.350 euros.

A listaxe das persoas ordenadas por orde alfabética que poderán recoller os seus bonos está publicada na web do Concello (http://www.monfortedelemos.es/gl/plan-apoio-familias-e-sectores-economicos-2020) así como, dende mañá venres, nos taboleiros informativos da Casa do Concello, Casa da Cultura e no Edificio Multiusos. A recollida poderana facer no Edificio Multiusos de luns a venres, en horario de 8:30 a 14.30 horas.

O Alcalde recorda que son “bonos nominais de 25 euros que poderán utilizar xa nos establecementos e entidades de calquera sector económico, coa condición obrigatoria de que estean ubicados no Concello de Monforte”.

O Alcalde tamén recalcou que, todos aqueles que presentaron a súa solicitude e que non saen nesta segunda lista de beneficiarios irán saíndo nas seguintes, “dado que a revisión a cargo dos funcionarios municipais das 4.525 solicitudes presentadas leva o seu tempo, e iremos sacando novas listas a medida que se vaian resolvendo os expedientes cada semana. En concreto, restan 1.436 solicitudes por revisar.”

Con esta segunda entrega de axudas, o número de total bonos que se entregarán nos vindeiros días ascende a 7.854, e suporán axudas para 3.089 familias, destinándose ata o de agora para o pago das mesmas 196.350 euros.

Dende o luns 21 de setembro, día en que se comezou co reparto de bonos no Edificio Multiusos ata hoxe xoves 24, 1.233 cidadáns de Monforte acudiron a recoller os seus bonos, estimandose en 3.500 o número total de bonos recollidos.

 

Entrega de bonos-axudas

O Plan de Apoio ás familias e ós sectores económicos de Monforte estableceu axudas a todos os cidadáns censados neste concello en función do número de habitantes empadroados en cada domicilio, segundo o Padrón Municipal:

  • Domicilios  de entre 1 e 2 membros,  2 bonos por vivenda de 25 € cada un, sumando un total de 50 €.
  • Domicilios de entre 3 e 4 membros,  3 bonos por vivenda de 25 € cada un, sumando un total de 75 €.
  • Domicilios de 5 ou máis membros,  4 bonos por vivenda de 25 € cada un, sumando un total de 100 €.

O prazo de inscrición para dito plan abriuse o pasado 25 de xuño e estendeuse ata o 15 de xullo. Finalmente, foron 4.525 as solicitudes presentadas, das cales 1.935 son as solicitudes xa resoltas, que se corresponden ó período de presentación de solicitudes encadrado entre o 25 e xullo e o 5  de xullo, e 1.154 as solicitudes resoltas presentadas entre o 6 e o 8 de xullo.

Requisitos para a recollida de bonos

O lugar de recollida dos bonos será o Edificio Multiusos, situado na Ronda María Emilia Casas Baamonde, sendo o horario de recollida dos mesmos de luns a venres de 8:30 a 14.30 horas en 4 mesas de entrega repartindo o listado por orde alfabético entre as 4 mesas.

 A persoa beneficiaria do bono deberá presentarse o seu documento nacional de identidade (DNI), requisito imprescindible para recoller o seu bono. Os bonos facilitaranse por unha soa vez e estarán selados e asinados polo Alcalde de Monforte de Lemos.

Aquelas persoas que veñan á recoller os correspondentes bonos en representación doutra persoa, deberán vir coa correspondente autorización cumprimentada e asinada pola persoa á que representan. Esta autorización poderá descargarse no enlace da páxina web, no rexistro do
Concello e nas propias mesas de reparto do Edificio Multiusos.

Os bonos terán validez de uso ata o 13 de novembro aínda que se fose necesario ampliar o seu prazo de validez, o Concello anunciarao convintemente.

Cando a persoa solicitante estea en posesión dos bonos, poderá adquirir os bens, servizos profesionais ou consumos nos establecementos de Monforte de Lemos, que escolla libremente, polo importe máximo que figura neles ós que ten dereito cada unidade familiar, segundo o número de empadroados.

A modo de exemplo, sinala o Alcalde “os bonos poderán utilizarse en tendas de alimentación, roupa, xoguetes, ferreterías, locais de hostalería (por exemplo no prato do día ou en comida para levar), perruquerías, tendas agrícolas,  en servizos profesionais tales como avogados, xestorías, fontaneiros, electricistas, albaneis... É dicir, pódense utilizar en calquera sector económico de Monforte que necesite cada familia”.

En caso de extravío do bono tanto pola persoa beneficiaria coma polo/a comerciante non se expedirá un novo bono para evitar calquera mala práctica.

Unha vez entregados os bens, prestación de servizos ou realizado o consumo, no que non están incluídas as bebidas alcohólicas non alimentarias, a persoa que o realice entregará o bono asinado ó establecemento que quedará en posesión do mesmo e presentará a solicitude de reintegro no Concello acompañada do citado bono ou bonos.

 

Reintegro do importe dos bonos

Os establecementos comerciais e sectores económicos que reciban estes bonos como pago ós seus produtos e servizos, poderán solicitar no Concello o seu pago, presentando para elo o bono orixinal en papel que lles entregue o cidadán, acompañado dun impreso de solicitude específico que se poderá descargar da web do Concello ou recoller no Rexistro municipal.

Para a presentación destas solicitudes de reintegro de bonos, non é necesario esperar ata o final do prazo de validez do bono, é dicir, pódense presentar no momento en que se estime oportuno, utilizando para elo o impreso correspondente cada vez que se entreguen novos bonos.

Se o importe dos bens adquiridos, servizos profesionais recibidos ou os consumos é inferior ó valor dos bonos, o persoal do establecemento deberá facelo constar na solicitude de reintegro que presentará no Concello de Monforte de Lemos, facendo constar o número de bonos e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza.

Pola contra, se o importe fose superior ó do bono, o persoal do establecemento emitirá solicitude de reintegro polo importe do bono e a diferenza será pagada pola la persoa solicitante. O concello soamente asumirá a contía establecida no bono ou bonos, no caso de que fose más dun bono de 25 €, o que se gaste no establecemento.

Os bonos non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada bono só pode ser utilizado nun único establecemento, podendo ser utilizados todos os bonos no mesmo ou en diferentes negocios, sempre que o gasto mínimo sexa de 25 € para beneficiarse dos mesmos, na súa totalidade.