Monforte de Lemos, 30 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar un decreto onde se establece o cronograma de actuacións previas á apertura da Piscina Municipal, así como a data estimada en que abrirán ditas instalacións, prevista para o luns 13 de xullo. Estas actuacións levaranse a cabo de acordo cos criterios establecidos polas autoridades sanitarias, unha vez superada a Fase III do Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade e dacordo cos informes técnicos do Departamento de Deportes do Concello.
Desta forma, o calendario de actuacións que se establece de cara á apertura da Piscina Climatizada Municipal de Monforte, queda establecido da seguinte maneira:
- Mércores 1 de xullo: Reincorporación dos traballadores ós seus postos de traballo (actualmente están en ERTE) e curso de formación en COVID-19 adaptado a piscinas de uso colectivo.
- Entre o 2 e o 12 de xullo: posta a punto da instalación e adaptación ás novas esixencias derivadas da crise sanitaria polo COVID-19. Esta posta a punto substituirá á parada técnica que se fai todos os anos no mes de agosto.
- Luns 13 de xullo: apertura da instalación no seu horario habitual.
Da mesma maneira, o Equipo de Goberno do Concello está a deseñar un protocolo específico de uso da Piscina Municipal adaptado ós novos requirimentos e necesidades derivados da crise do COVID-19, e determinados polas autoridades sanitarias, protocolo que será dado a coñecer nos vindeiros días.
Antecedentes
O Decreto de Alcaldía do 13 de marzo de 2020, dada a situación sanitaria propiciada polo COVID-19, e pola que o Goberno de España estableceu o estado de alarma, resolveu a adopción dunha serie de medidas no ámbito do Concello de Monforte de Lemos entre as que se atopaba o peche ó público da Piscina Climatizada Municipal.
A Orde SND/414/2020, de 16 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da Fase 2 do plan para a transición cara unha nova normalidade, no seu artigo 43 regulou a apertura de piscinas para uso deportivo que, entre outras cousas, establecía a necesidade de concertar cita previa coa entidade xestora, e limitaba a utilización ó 30 % do aforo, e no caso de que o vaso estivera dividido por rúas de adestramento só dunha única persoa por rúa.
A Orde SND/458/2020, de 30 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da Fase 3 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, no punto quinto da disposición adicional segunda modificou o apartado 4 do artigo 43 “Apertura de piscinas para uso deportivo” da Orde SND/414/2020, de 16 de maio, segundo o cal se eliminaba a limitación de que só poidese nadar unha persoa por rúa, mantendo a limitación do 30 % do aforo.
A Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se da publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, una vez superada a Fase 3 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, no punto 2.8 do Anexo “Medidas de Prevención” estableceu as medidas de hixiene e prevención en piscinas de uso colectivo. Concretamente, no punto 3.24 regúlase o uso das piscinas ó aire libre ou cubertas que, entre outras, establece que o aforo será do 75 % da capacidade, tanto no relativo ó acceso como durante a propia práctica deportiva.
Intervención da Piscina Municipal
Cabe recordar tamén que o servizo de xestión e explotación da Piscina Municipal de Monforte foi intervido, tras acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local do 11 de marzo de 2020, ante as graves perturbacións do servizo ocasionadas pola xestión da empresa Alacer Ocio e Deporte S.L., empresa contratista deste servizo.
Deste xeito, o técnico municipal de deportes, Óscar Rodríguez, foi nomeado interventor técnico para substituír plenamente os elementos directivos da empresa adxudicataria, e para facerse cargo da xestión deste servicio.
Unha vez decretado o peche da piscina municipal, por mor da crise sanitaria do COVID-19, e para evitar un prexuízo económico á empresa concesionaria e ó Concello de Monforte, o interventor do contrato solicitou autorización ó Concello de Monforte para poder levar a cabo as xestións necesarias para realizar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) ós traballadores adscritos ó servizo.
O ERTE estableceuse mediante Decreto de Alcaldía do día 23 de abril de 2020, no que se procedeu á súa autorización e, continuando co criterio do Concello de apoiar aos traballadores e traballadoras afectados, tamén dispuxo que seus salarios fosen completados, ata o 100 % das cantidades que viñan percibindo antes da aplicación do ERTE, con cargo ás cantidades que foron transferidas polo Concello á Intervención da concesión”.
O 28 de abril de 2020 se lle ordenou á empresa Alacer Ocio y Deporte S.L., a realización de todos os tramites necesarios para a solicitude de realización dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), trámite que quedou feito dese mesmo día.
O 14 de maio de 2020 recibiuse comunicación favorable á solicitude do ERTE con efectos dende o 21 de abril de 2020, e esta situación laboral dos traballadores mantense na actualidade.
Informe técnico para a apertura da piscina climatizada e protocolo de uso
Para a apertura da Piscina Municipal, dende o departamento técnico da Concellería de Deportes, elaborouse un informe no que se recollen as medidas que é necesario establecer para devandita reapertura, en base as indicacións establecidas pola Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.
Do mesmo xeito, dende o Concello estase a ultimar un protocolo específico de uso para a Piscina Municipal de Monforte, no que se establecerán as medidas concretas para o uso destas instalacións, en base á normativa vixente. Este protocolo, será dado a coñecer nos vindeiros días, toda vez sexa ultimada a súa elaboración.
Así, a normativa que se seguirá para establecer as medidas de uso destas instalacións será a establecida no punto 3.14 do Anexo “Medidas de Prevención” recollidas na Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade:
- As piscinas ó aire libre ou cubertas, para uso deportivo ou recreativo, deberán respectar o límite do 75% da súa capacidade, tanto no relativo ao acceso como durante a práctica deportiva ou recreativa. Quedan exentas destas limitacións as piscinas unifamiliares de uso privado.
- Na utilización das piscinas procurarase manter as debidas medidas de seguridade e protección, especialmente na distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios.
- Nas zonas de estancia das piscinas establecerase unha distribución espacial para procurar a distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios non conviventes, mediante sinais no chan ou marcas similares. Todos os obxectos persoais, como toallas, deben permanecer dentro do perímetro establecido, evitando contacto co resto de usuarios. Habilitaranse sistemas de acceso que eviten a acumulación de persoas e que cumpran coas medidas de seguridade e protección sanitaria.
- Recordaránselles aos usuarios, por medios de cartelería visible ou mensaxes de megafonía, as normas de hixiene e prevención que se deberán observar, sinalando a necesidade de abandonar a instalación ante calquera síntoma compatible co COVID-19.
- Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, o caso de que nas instalacións se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a prestación do servizo axustarase ao previsto nas condicións para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración.
Do mesmo xeito, o punto 2.8 do Anexo “Medidas de Prevención” da Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, define as medidas de hixiene e prevención en piscinas de uso colectivo:
- Sen prexuízo de aplicación das normas técnico-sanitarias vixentes, nas piscinas de uso colectivo deberase levar a cabo a limpeza e desinfección das instalacións, con especial atención aos espazos pechados como vestiarios ou baños, con carácter previo á apertura de cada xornada.
- Así mesmo, deberanse limpar e desinfectar os diferentes equipamentos e materiais como vasos, liñas de separación, material auxiliar de clases, reixa perimetral, caixa de primeiros auxilios, armarios, así como calquera outro en contacto cos usuarios, que forme parte da instalación.
- Os biocidas que se deberán utilizar para a desinfección de superficies serán aqueles do tipo de produto 2, referidos no anexo V do Regulamento (UE) nº 528/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de maio de 2012, relativo á comercialización e o uso de biocidas. Así mesmo, poderanse utilizar desinfectantes como dilucións de lixivia 1:50 recentemente preparada ou calquera dos desinfectantes con actividade viricida que se atopan no mercado e que estean debidamente autorizados e rexistrados.
- O uso e limpeza dos aseos levarase a cabo de conformidade co previsto na letra a) do número 2.1.
Dado que a instalación deportiva da Piscina Municipal de Monforte dispón dun ximnasio con máquinas a disposición de uso libre por parte dos usuarios a apertura deste espazo se regula no punto 3.20 “Actividade e instalacións deportivas”:
- Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata 25 persoas, sen contacto físico, e sempre que non se superen os dous terzos da capacidade máxima permitida.
- Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física.
- Cada instalación deberá publicar un protocolo para coñecemento xeral dos seus usuarios e que recollerá as distintas especificacións en función da tipoloxía de instalacións que, de ser o caso, poidan preverse nun protocolo básico aprobado polo Centro de Coordinación Operativa por proposta da Secretaría Xeral para o Deporte.
- Nas instalacións deportivas a actividade física e deportiva estará suxeita ós seguintes criterios xerais de uso:
- Con carácter xeral, non se compartirá ningún material e, se isto non fose posible, garantirase a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado.
- As bolsas, mochilas ou efectos persoais só se poderán deixar nos espazos habilitados para tal fin.
- Os deportistas non poderán compartir alimentos, bebidas ou similares.
- Antes de entrar e ao saír do espazo asignado, deberán limparse as mans con hidroxeles que deberán estar dispoñibles nos espazos habilitados para o efecto.
- Os técnicos, monitores ou adestradores deberán manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións ou, na súa falta, utilizar máscara.
- Utilizarase máscara durante o tempo de circulación entre espazos comúns nas instalacións, salvo que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal.
- Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de que nas instalacións se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a prestación do servizo axustarase ao previsto nas condicións para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración.