Monforte de Lemos, 23 de marzo de 2020. Na mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, mantivo unha intensa xornada de traballo na que se tomaron unha serie de decisións que están encamiñadas a mellorar a situación que moitos monfortinos e monfortinas viven por mor da crise do Covid-19.
As 10:00 horas, tivo lugar a reunión semanal da Comisión de Seguimento do Coronavirus do Concello de Monforte, presidida polo Alcalde, e composta por diversos membros do Equipo de Goberno do Concello, representantes da Policía Local, dos Axentes da Cidadanía así como o Secretario de dito Concello. Neste reunión, os distintos representantes coincidiron en resaltar que se están tomando as medidas axeitadas dacordo coa pandemia do Covid-19. A Comisión quedou citada para o vindeiro luns, salvo que situacións de urxencia fagan necesario que se teña que reunir na presente semana.
A través dun decreto con data de hoxe, e tal e como figura na normativa municipal, o Alcalde recuperou as competencias que ten delegadas na Xunta de Goberno, que lle permiten a promulgación de decretos e resolucións encamiñas a facilitar a toma de decisións e a execución das mesmas neste tempo de crise. Esta asunción de competencias ven motivada pola imposibilidade de celebrar as xuntanzas dos órganos colexiados do Concello (Xunta de Goberno, Comisións, Pleno...), xuntanzas que non están permitidas mentres dure o estado de alarma establecido polo Goberno de España.
Deste xeito, o Alcalde aprobou unha ampla batería de medidas sociais que a continuación se detallan.
Servizos Sociais
En primeiro lugar, decretouse a ampliación nun 50% da partida destinada a emerxencia social, pasando dos aproximadamente 50.000 euros actuais a 75.000 euros. Esta foi unha partida que o Equipo de Goberno foi aumentando nos últimos anos, e agora vese incrementada nun 50% para cubrir axudas sociais. E do mesmo xeito, en función das necesidades derivadas do actual estado de crise esta partida poderá ser ampliada.
Complementando este decreto, a primeira tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, trasladará, tras indicacións do Alcalde, a recomendación ós funcionarios dos Servizos Sociais do Concello de que, ante os informes de emerxencia social que van a elaborar en relación á solicitudes de axudas por parte de cidadáns que as necesiten, que analicen polo miúdo as circunstancias de cada caso e sexan “xenerosos” nos seus informes e interpreten favorablemente ditas peticións, a fin de que se poidan beneficiar o maior número de persoas que as necesiten.
Do mesmo xeito, tamén se incrementará nun 50%, ampliable, o valor das axudas por persoa e ano. Se ata o de agora, a ordenanza municipal establecía o límite anual por persoa en 600 euros, con este novo decreto ante a crise do Coronavirus, se destinará ata un máximo de 900 euros por persoa e ano.
Cáritas
O Alcalde mantivo tamén hoxe unha conversa telefónica co presidente de Cáritas de Monforte, o párroco D. Rafael Mella, co obxectivo de coñecer as necesidades polas que atravesa esta asociación nos actuais momentos de crise.
Deste xeito, o Alcalde estableceu para esta asociación un anticipo de caixa de 5.000 euros que irán destinados a facilitar vales de compra de alimentos para aqueles veciños e veciñas que o necesiten, así como para cubrir pequenos gastos como poden ser o pago de recibos de luz, auga, ou outro tipo de emerxencias de urxencia. Neste senso, dende Cáritas pódense canalizar estas necesidades ós servizos sociais do Concello.
Cruz Vermella
Tomé Roca mantivo tamén conversas con D. Luis Abelleira, presidente para a provincia de Lugo da Cruz Vermella. Ambos mandatarios acordaron asinar, vía telemática, un convenio urxente, que na mañá de hoxe está sendo elaborado polos técnicos do Concello. En virtude do mesmo tamén se establecerá un anticipo de caixa de entre 3.000 e 5.000 euros, ampliable segundo as necesidades, e encamiñado a solventar os problemas que moitos veciños e veciñas teñen á hora de facer a compra de produtos básicos nos supermercados e tendas de alimentación, ben por problemas de mobilidade, ou por medo a saír dos fogares por mor do COVID-19.
Deste xeito, aqueles que necesiten que se lles faga a compra deste tipo de produtos básicos poderán poñerse en contacto coa Cruz Vermella, e voluntarios de dita entidade serán os encargados de facer cada compra. O usuario comunicará que produtos necesita adquirir; as compras serán cubertas coa axuda proporcionada polo Concello e o usuario aboará o importe da compra ó voluntario, unha vez llela entregue. O diñeiro recadado será custodiado pola Cruz Vermella, e unha vez que se supere esta crise e non sexa necesario este servizo, a Cruz Vermella cadrará contas co Concello, a fin de reintegrar a axuda proporcionada dende aquel.
Circo Nevada
Ante a situación de crise pola que atravesa o Circo Nevada, que actualmente por falta de ingresos non se pode desprazar ó seu lugar de orixe, o Alcalde garantiu as necesidades alimentarias e farmacéuticas dos seus membros. Deste xeito, a primeira tenente de Alcalde mantivo contacto cos seus responsables, para coñecer e dar solución as súas necesidades, co apoio dos Servizos Sociais do Concello.
FEPAS
As medidas adoptadas polo Alcalde da cidade tamén están relacionadas coa empresa que actualmente presta no Concello os servizos de axuda a domicilio, FEPAS. Deste xeito, dende o Concello trasladóuselle ós seus responsables que se manterá a actual facturación coa mesma, para que siga prestando os mesmos servizos. Debido a que algúns usuarios deste servizo decidiron darse de baixa temporalmente do mesmo, mentres dure a situación de crise e por medo a posibles contaxios, dende Alcaldía non desexa que a empresa, debido á diminución do servizo, se acolla a un ERTE nin proceda a despidos dos seus traballadores. Deste xeito, o Concello, mantendo os pagos de facturación, aposta polo mantemento da calidade dos servizos e polo mantemento dos postos de traballo de todos os empregados de dita empresa.
FCC
Ó igual que no caso anterior, o Alcalde tamén garante que a empresa FCC, encargada da recollida do lixo e da limpeza viaria da cidade, siga levando a cabo os seus servizos habituais como ata o de agora, prestando especial atención á desinfección de rúas, papeleiras ou contedores, a fin de evitar a propagación deste virus.
Aínda que a suciedade e o volume de lixo puido ter diminuído dende o inicio da crise, o Concello seguirá mantendo a facturación co FCC a fin de que non leve a cabo despidos dos seus traballadores ou un ERTE, por mor dun posible descenso da actividade que desempeñan os seus empregados. “Unha aposta decidida”, en verbas de Tomé Roca, “por manter o emprego e a calidade dos servizos destas empresas que teñen contrato co Concello”.
Aqualia
O Alcalde tamén indicou que fíxoselle chegar unha instrución á empresa Aqualia, a fin de que siga mantendo un servizo de calidade cos cidadáns, a través dunha atención telefónica eficaz (dado que as oficinas non poden abrir ó público para a atención directa) e que permitan solucionar os requirimentos dos cidadáns e as posibles avarías que poidan xurdir nestes tempos de crise.
Recibos municipais de empresas e particulares
O Alcalde tamén comunicou as medidas adoptadas en canto ó cobro de certos recibos municipais.
Polo que atinxe a empresas, aquelas que se viron obrigadas a pechar durante este período de crise (restaurantes, tendas, etc.), unha vez o soliciten, e acrediten que efectivamente tiveron que levar a cabo o peche dos seus negocios por mor do COVID-19, quedarán exentas de pagar o lixo polo período total no que estiveron pechadas.
Do mesmo xeito, tampouco lle serán cobradas ás taxas sobre as terrazas de aqueles bares e restaurantes que se visen obrigados a non poder montalas durante o período de duración do estado de alarma decretado polo Goberno de España.
Polo que se refire á particulares, o Concello paralizará o xiro das taxas correspondentes a 5 servizos municipais, mentres dure o estado de alarma: a Piscina municipal, a Gardería municipal, o Conservatorio de música, a Escola de Música e as Escolas deportivas municipais.
Tras o establecemento deste amplo paquete de medidas sociais decretadas polo Alcalde de Monforte, Tomé Roca convocou ás 14 horas unha reunión de urxencia da Xunta de Portavoces, á que acudiron os voceiros de todos os grupos políticos do Concello, para informarlles destas medidas tomadas, así como dos últimos decretos que nos últimos días se promulgaron en relación co Covid-19.
Tomé Roca valorou a importancia desta completa batería de medidas que “teñen por obxectivo normalizar funcionamento das empresas que facturan ó Concello, que van encamiñadas a manter os postos de traballo e evitar os ERTES, e que sobre todo, buscan aumentar e reforzar a protección social dos veciños e veciñas máis desfavorecidos, á vez que se suprimen temporalmente o cobro das taxas dos servicios que permanecen pechados por mor da crise”. E o rexedor municipal insistiu moito en recomendar ós veciños e veciñas de Monforte que “a forma de superar esta crise e evitar o contaxio deste virus é que nos quedemos nos nosos fogares, que fagamos as compras estritamente necesarias, nas que o abastecemento está garantido, e que sigamos ás recomendacións que as autoridades sanitarias e gobernamentais nos fan chegar. So así poderemos superar esta pandemia que nos afecta a todos e todas”.