O Alcalde de Monforte e o Presidente da CHMS visitan a rúa Chantada para o inicio das obras de saneamento

Monforte de Lemos, 6 de maio de 2020. Na mañá de hoxe o Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo un encontro de traballo co Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, no que se determinou o inicio dos traballos previos á execución das obras de mellora na rede de saneamento das rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijoó.

Na xuntanza, na que tamén estivo presente o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, abordouse o planing de traballo previo, que comezará a partir de mañá co replanteo das obras, así como, a previsión de inicio de ditas obras para a segunda quincena do presente mes de maio.

Estas actuacións enmárcanse nun convenio subscrito entre o Concello de Monforte de Lemos, a Deputación Provincial de Lugo e a propia Confederación Hidrográfica en 2017, o que supón unha inversión de 1,4 millóns de euros, destinados á mellora da rede de saneamento municipal.

O Alcalde salientou que “estes traballos son de vital importancia para mellorar a calidade da auga que volve da depuradora ó río Cabe, e polo tanto, mellorar o medio ambiente no Concello de Monforte porque se eliminarán as incorporacións incontroladas de auga á rede de saneamento, o que axudará, por unha banda, a reducir a cantidade de auga á depurar, facendo máis eficiente o servizo. E por outra, permitirá que a auga que se verte no Cabe este totalmente depurada”.

Descrición das actuacións

O obxecto do proxecto é a mellora de varios tramos en mal estado da rede secundaria de Monforte de Lemos, o que permitirá a eliminación de infiltracións e das entradas incontroladas de augas limpas que producen saturación na EDAR. Coa redución da chegada de augas limpas á Depuradora, vai permitir que funcione mellor o proceso de depuración.

Para elo, repararánse e impermeabilizaranse un total de 70 pozos de rexistro nas zonas de A Rosela, A Reigada, O Campo, As Lamas e A Veiga, así como no entorno da Estrada de Currelos.

Ademais, executaranse novos tramos de colectores na rúa Morín, á altura da rúa Mato (70 metros en total), na rúa Manuel Pintos Xoán (300 metros) e en ambas marxes da rúa Chantada, entre a rotonda do Cemiterio e a do Hórreo (700 metros en cada marxe).

Está previsto que ó longo desta semana dean comezo os traballos previos de replanteo das obras sobre o terreo e de identificación dos servizos afectados. Así mesmo, o inicio efectivo das obras, prevese para a segunda quincena de maio, sempre e cando a actual situación orixinada polo COVID-19 o permita. O prazo de execución destas obras estímase en 12 meses.

 

Inversión

O proxecto construtivo de melloras na rede de saneamento das rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijoó, foi licitado por 1.246.291,70 euros, e adxudicado á empresa Misturas Obras e Proxectos, S.A. por 888.107,33 euros.

A financiación, segundo a adenda ó convenio asinada o 2 de decembro de 2019, será de 35,71% pola CHMS, outro 35,71% pola Deputación de Lugo e o 28,57% restante, polo Concello de Monforte de Lemos.