Monforte de Lemos, 17 de marzo de 2020. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte segue a tomar medidas en relación coa crise do COVID-19.
Deste xeito, na mañá de hoxe, o Alcalde da cidade, José Tomé Roca, transmitiu ós empregados municipais a orde de apagar todas as fontes públicas da cidade, en concreto o “geyser” do Parque dos Condes, a fonte da Compañía, a fonte cibernética (próxima ás Casitas) e a fonte da Estación.
Esta medida adóptase por varios motivos. En primeiro lugar porque, debido á prohibición de transitar pola rúa salvo para aquelas actividades determinadas polas autoridades competentes, o fin ornamental e lúdico que posúen ditas fontes carece de sentido. Do mesmo xeito, con esta medida tamén se contribúe a evitar consumos indebidos e innecesarios de auga, á vez que se evitan posibles traballos de mantemento ou reparación destas instalacións. Trátase, en definitiva, propiciar un aforro enerxético en instalacións que, nestes momentos de crise, perden a súa función.
Instalacións deportivas municipais
Na mesma liña, o Alcalde tamén informa dos mantementos das diversas instalacións deportivas municipais que, por mor da crise do COVID-19, suspenderon a súa actividade habitual.
No caso do Campo de fútbol de A Pinguela, por ser este campo de céspede natural, é necesario seguir co seu mantemento habitual, polo que seguirá procedéndose ó seu corte e regado, a fin de que non se deteriore o seu estado.
Polo que atinxe o Campo de fútbol Luís Bodegas, por contar con céspede artificial, o mantemento é menor e non require tantos coidados, unha vez que non é utilizado no día a día.
Na Piscina municipal, que tamén cesou a súa actividade habitual, levarase a cabo un mantemento mínimo pero necesario, a fin de que a maquinaria que posúe non se deteriore por mor da inactividade.
Finalmente, o Pavillón municipal de A Pinguela, non require dun mantemento específico mentres dure o peche das súas instalacións.
Con estas medidas, o Equipo de Goberno do Concello de Monforte, en verbas do seu Alcalde “segue a traballar, nestes momentos de crise xerada polo COVID-19, preservar nas mellores condicións posibles aquelas instalacións e servizos que nos vemos obrigados a deixar de ofrecer mentres duren as medidas determinadas polo Goberno do Estado.”