O Alcalde e o Equipo de Goberno de Monforte poñen a disposición dos cidadáns o Bus urbano para acudir ó Cemiterio o 1 de novembro

Monforte de Lemos, 29 de outubro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o vindeiro domingo día 1 de novembro, festividade de Todos Os Santos, o Autobús Municipal gratuíto operará nun horario especial de mañá e tarde para dar cobertura a todas aquelas persoas que queiran acudir ese día ó Cemiterio Municipal.

Deste xeito, o Bus Urbano de Monforte fará o seu percorrido habitual, cunha frecuencia de paso de media hora, entre Ribasaltas e o Cemiterio Municipal.

En concreto, o servizo, que será de carácter gratuíto, dará comezo cunha primeira saída pola mañá de Ribasaltas ás 10:25 horas, tendo como última saída ás 13:00 horas dende o Cemiterio. Pola tarde iniciará o seu percorrido dende Ribasaltas ás 15:25, tendo a última saída do Cemiterio ás 17:00 horas. Deste xeito, as frecuencias son as seguintes:

 

  • 10:25 h.- saída de Ribasaltas ; 10.55 h.- chegada a Cemiterio; 11:00 h.- saída de Cemiterio.
  • 11:25 h.- saída de Ribasaltas ; 11.55 h.- chegada a Cemiterio; 12:00 h.- saída de Cemiterio.
  • 12:25 h.- saída de Ribasaltas ; 12.55 h.- chegada a Cemiterio; 13:00 h.- saída de Cemiterio.
  • 15:25 h.- saída de Ribasaltas ; 15.55 h.- chegada a Cemiterio; 16:00 h.- saída de Cemiterio.
  • 16:25 h.- saída de Ribasaltas ; 16.55 h.- chegada a Cemiterio; 17:00 h.- saída de Cemiterio.

 

Dende o Concello recórdase a todos os cidadáns que, para o uso do autobús, deberán respectarse as normas de seguridade e saúde determinadas polas autoridades sanitarias especificamente para os transportes públicos, e que figuran expostas mediante carteis informativos no propio Bus Urbano.

Da mesma maneira, o Cemiterio Municipal contará con normas específicas que rexerán o seu funcionamento, tal e como se anunciou os pasados días: poderán acudir un máximo de 4 persoas por grupo de visitas do mesmo grupo familiar ou que sexan convivintes en visitas dun máximo de media hora, o aforo máximo establécese en 400 persoas e estará supervisado por persoal municipal e da Policía Local, abriranse distintas portas para a entrada e saída das persoas, e estableceranse circuítos diferentes para o tránsito interior, a fin de evitar que as persoas se crucen. Finalmente, o horario do Cemiterio Municipal amplíase para os días 31 de outubro, 1 e 2 de novembro, sendo de 9:00 a 20:00 horas, de xeito ininterrompido.

O Concello recorda a todas aquelas persoas que acudan ó Cemiterio nestes días, que deberán seguir respectándose as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención do COVID-19. Neste senso, todas estas medidas adoptadas polo Concello ante estes días tan especiais seguen as recomendacións establecidas especificamente pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

 

Cemiterio de Piñeira e cemiterios das parroquiais

Do mesmo xeito, o Equipo de Goberno tamén establecerá un protocolo de seguridade para o Cemiterio de Piñeira, que estará supervisado por persoal municipal, tanto para velar polo control de aforos, como para que se respecten as medidas establecidas polas autoridades sanitarias. O horario deste cemiterio municipal de Piñeira será de 9:00 a 20:00 horas.

Dende o Concello recórdase a todas aquelas persoas que acudan nestes días ó resto de cemiterios parroquiais de Monforte, que deben seguir respectándose as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención do COVID-19, en especial o distanciamento social e o uso obrigatorio de máscara.