Monforte de Lemos, 16 de decembro de 2020. Na tarde de hoxe o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luisa Losada, inaugurou o Belén Hebreo que foi elaborado polo artista J. Antonio Dávila, quen estivo tamén presente en dito acto.
O Belén, que está instalado na Sala de Exposicións da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte, poderase visitar, dende o 16 de decembro de 2020 ó 14 de xaneiro de 2021, e sempre atendendo ás medidas de seguridade e aforos determinadas polas autoridades sanitarias por mor da Covid-19
Trátase dun Belén de vinte metros cadrados con sesenta figuras de diferentes tamaños e no que se narran diferentes escenas e aparecen diferentes personaxes relacionadas co Nacemento do neno Xesús: a Anunciación, pedindo pousada en Belén, o propio Nacemento, a visita dos Reis Magos a cabalo e dos pastores, o empadroamento, a fuxida a Exipto, Herodes, comerciantes, soldados romanos...
Tamén conta con toda clase de edificacións tales como o castelo de Herodes, a pousada, o forno, a ferrería, o portal do nacemento,...
A montaxe ideada por J. Antonio Dávila ten efectos lumínicos que simulan o día e a noite, así coma fontes e unha fervenza de auga.
O Alcalde e o seu Equipo de Goberno convidan a todos os monfortinos e monfortinas a visitar e disfrutar deste Belén, sempre cumprindo coas medidas de distanciamento social e hixiene ante o Coronavirus.