O Alcalde informa das medidas relativas á atención á cidadanía do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 10 de maio de 2020. O pasado 14 de marzo, o Consello de Ministros do Goberno de España aprobou o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Neste Real Decreto incluíronse, entre outras medidas, limitacións á liberdade de circulación das persoas, cos efectos que iso supón para cidadáns, traballadores e empresas. Especificamente, no ámbito da Administración Local, dispúxose a suspensión dos termos e prazos administrativos.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, decretou o pasado 7 de maio, a reincorporación ó traballo presencial de todos os empregados públicos do Concello de Monforte que estiveran realizando traballo non presencial, de acordo coas Fases de Desescalada determinadas polo Goberno da Nación, no momento de que se alcanzase a Fase 1, algo que sucederá dende mañá luns día 11 de maio de 2020.

Neste aspecto, en tanto continúe o estado de alarma, o Alcalde indicou que se seguirán as recomendacións do Ministerio de Sanidade para a atención ó público no Concello de Monforte de Lemos, as cales se realizarán seguindo as pautas que describimos a continuación.

En primeiro lugar, será precisa cita previa para atención ó público, chamando ós teléfonos das centraliñas das oficinas municipais:

  • Casa do Concello: 982402501
  • Promoción Económica: 982884775
  • Orientación Laboral: 982884689
  • Servizos Sociais: 982416541
  • Centro de Información á Muller (CIM): 982416350
  • OMIX/OMIC-Oficina: 982875126
  • Edificio Multiusos: 982403893
  • Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD): 982400495
  • Deportes: 982875430

 

Do mesmo xeito, priorizarase a atención á cidadanía por medios telemáticos, correo electrónico ou telefonicamente.

E finalmente, nos casos en que a atención á cidadanía se faga de xeito presencial, deberanse seguir os procedementos establecidos no Decreto de Alcaldía de do 7 de maio de 2020 de aprobación da reincorporación ós postos de traballo dos empregados municipais, seguindo as medidas indicadas polas autoridades sanitarias, a fin de garantir a seguridade e a saúde tanto do persoal municipal como dos cidadáns que acudan presencialmente ó Concello a facer as súas xestións habituais.

 DECRETO MEDIDAS ATENCIÓN Á CIDADANÍA