O Alcalde presenta o “Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos de Monforte”, destinado a todos os monfortinos e dotado con 500.000 euros

Monforte de Lemos, 17 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou na mañá de hoxe, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, un importante plan de axudas económicas destinadas a todas as familias e ós sectores económicos da cidade.

“Toda vez que, a través do Plan Reactiva Monforte, puxemos en marcha este plan de axudas a empresas, autónomos e traballadores, agora é o momento de que as familias reciban a solidariedade de todos e todas, a través do Concello, poñendo en marcha un Plan de Apoio ás familias e ós sectores económicos do Concello de Monforte de Lemos, para favorecer ao conxunto da nosa economía, inxectando nos nosos fogares e sectores económicos ó redor de 500.000 €, para contribuír a superar a parálise económica derivada do COVID-19 e reactivar así a sociedade e a economía monfortina”, resaltou o rexedor municipal.

 “Eu como Alcalde, e o Equipo de Goberno que presido, temos como un dos piares fundamentais da nosa acción de goberno, as políticas sociais. Levámolo demostrando dende que chegamos ó Goberno, reflexando nos orzamentos de cada ano o incremento das partidas adicadas a políticas sociais”, continuou o Alcalde.

“Con motivo da crise sanitaria do Coronavirus”, continuou Tomé Roca “dende o Concello de Monforte mobilizamos recursos para axudar ás empresas, ós autónomos, ós traballadores, as entidades sociais e colectivos de todo tipo, a través de máis de 20 Decretos de Alcaldía para facer posible todo isto.”

Deste xeito, o Alcalde anunciou a sinatura no día de hoxe “dun decreto moi importante porque supón unha axuda para todos os monfortinos e tamén para os sectores económicos, para contribuír á reactivación económica das empresas, autónomos, traballadores e familias, sendo posible pola boa situación económica do Concello, logo dunha xestión rigorosa nos últimos anos”.

Trátase pois da aprobación das Bases Reguladoras do Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos do Concello de Monforte de Lemos, que distribuirá unha partida de 500.000 euros, mediante bonos para o consumo, a todas as unidades familiares censadas en Monforte, tanto da cidade como das parroquias “para que poidan adquirir os bens, servizos profesionais e consumos que necesiten e, ó mesmo tempo, signifique unha axuda para a economía monfortina debido a que as compras deberán ser realizadas nos establecementos de Monforte de calquera sector económico”, salientou o Alcalde.

O obxectivo, axudar a todos os veciños e veciñas de Monforte

O Alcalde incidiu en que “dende o Concello queremos axudar a todos os veciños e veciñas de Monforte de Lemos, sen excepción, ós 18.706 habitantes empadroados”.

Para elo, para elo establécense 3 niveis de bonos-axuda en función do número de habitantes empadroados en cada domicilio, segundo o Padrón Municipal:

• Vivendas de entre 1 e 2 habitantes empadroados: 4.870 domicilios.

• Vivendas de entre 3 e 4 habitantes empadroados: 2.419 domicilios.

• Vivendas de 5 ou mais habitantes empadroados: 501 domicilios.

O total de unidades padroais con dereito a estes bonos ascende a 7.790.

A execución do Plan farase a través de Bonos de 25 euros para facilitar calquera compra, consumo ou prestación de servizos profesionais en establecementos de calquera sector económico ubicados no concello de Monforte de Lemos, (non se financiará a compra de bebidas alcohólicas), que deberán entregar no establecemento onde se produza  o gasto, sendo o titular da actividade económica que recibe o bono o que solicite o reintegro ó Concello acompañando do bono ou bonos coa súa solicitude.

Os bonos poderán gastarse todos no mesmo establecemento, servizo profesional ou negocio, segundo considere cada familia, non podendo fraccionarse os bonos, debendo ser a compra mínima igual ou superior a 25 €.

Os bonos poderán ser solicitados dende o día seguinte á publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia da incorporación de remanentes, vía suplemento de crédito, aprobado polo Pleno a proposta do Alcalde.

O  solicitante do abono da axuda, non deberá ter débeda ningunha pendente co Concello de Monforte de Lemos, requisito que será verificado de oficio pola Administración Municipal. Con todo, a axuda poderá solicitarse igualmente, e irá destinada a compensar ou reducir a débeda que o titular da actividade económica teña co Concello, podendo recibir a diferencia se a cantidade debida fose inferior á axuda concedida.

 

Perceptores dos bonos

Para ser perceptor ou preceptora dos bonos é preciso cumprir varios requisitos, na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes:

  1. Estar empadroado no Concello de Monforte de Lemos.
  2. Que a persoa solicitante así como os  demais habitantes no domicilio estean efectivamente empadroados no Concello de Monforte de Lemos no momento de presentación da solicitude.
  3. Non poderán ser perceptores dos bonos os membros electos da Corporación Municipal.

Os bonos terán carácter único e non acumulativo, de tal maneira que só poderá concederse unha axuda por domicilio e en función do número de empadroados. Do mesmo xeito, serán compatibles con calquera outra axuda para a mesma finalidade concedida por parte doutras entidades públicas ou privadas.

A contía máxima dos bonos será a seguinte:

  • Domicilios  de entre 1 e 2 membros2 bonos por vivenda de 25 € cada un, sumando un total de 50 €.
  • Domicilios de entre 3 e 4 membros3 bonos por vivenda de 25 € cada un, sumando un total de 75 €.
  • Domicilios de 5 ou máis membros4 bonos por vivenda de 25 € cada un, sumando un total de 100 €.

 

Solicitudes: documentación, lugar de presentación e prazos

O modelo de solicitude normalizado para a petición dos bonos estará dispoñible na web municipal www.monfortedelemos.es e no Rexistro do Concello.

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento:

a)    modelo normalizado de solicitude  (Anexo I)

b)    fotocopia dos DNI dos empadroados na vivenda

c)     Consentimento expreso para que o Concello comprobe os datos de padrón relacionados coa solicitude.

No suposto de que algúns dos documentos requiridos non podan presentarse por substituirase por unha declaración responsable, con compromiso de achegalos cando sexa requirido polo Concello.

As solicitudes, que deberán dirixirse á Unidade de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte de Lemos ou por vía telemática, xuntando o modelo normalizado xa indicado.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), e unha vez publicado no BOP procederase tamén ese mesmo día á súa publicación na páxina web do Concello de Monforte de Lemos.

A concesión da subvención efectuarase en réxime de concorrencia non competitiva, e serán resoltas en función da data e hora de entrada que figuren rexistradas as solicitudes. A unidade instrutora comprobará pola súa orde cronolóxica de presentación as solicitudes recibidas.

Dende o Concello, calcúlase que a contía máxima podería alcanzar en total os 475.000 euros pero decidiuse destinar a esta partida 500.000 euros o que permitirá atender todas as solicitudes, incluídos posibles erros, co previsible crédito sobrante.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, ditarase resolución pola Alcaldía cos beneficiarios que houberan presentado a súa solicitude reunindo a totalidade de requisitos e a documentación requirida na convocatoria. Igualmente ditarase resolución na que se inclúan aqueles solicitantes que, por non cumprir cos requisitos establecidos na convocatoria. Nestes casos outorgaráselles un prazo de 10 días hábiles para que emenden a súa solicitude e presenten a documentación requirida. Os acordos serán obxecto de publicación, na páxina web municipal e na Base de datos nacional de Subvencións.

Neste punto, o Alcalde salientou que o prazo máximo para resolver e notificar o procedemento será de tres meses a contar do seguinte á finalización do prazo de presentación das solicitudes. “Queremos que a 31 de outubro como moi tarde estea rematado todo o proceso e que as axudas sexan ingresadas polos negocios e empresas antes deste prazo”.

 

Entrega e utilización dos bonos

Unha vez feitas as solicitudes dos bonos e comprobada a procedencia de entrega dos mesmos, a unidade instrutora entregará os referidos bonos aos solicitantes. Os bonos facilitaranse por unha soa vez e estarán selados e asinados polo Alcalde de Monforte de Lemos.

Cando a persoa solicitante estea en posesión dos bonos, poderá adquirir os bens, servizos profesionais ou consumos nos establecementos de Monforte de Lemos, que escolla libremente, polo importe máximo que figura neles ós que ten dereito cada unidade familiar, segundo o número de empadroados.

A modo de exemplo, destacou o Alcalde “os bonos poderán utilizarse en tendas de alimentación, roupa, xoguetes, ferreterías, locais de hostalería (por exemplo no prato do día ou en comida para levar), perruquerías, en servizos profesionais tales como avogados, xestorías, fontaneiros, electricistas, albaneis... É dicir, pódense utilizar en calquera sector económico de Monforte que necesite cada familia”.

En caso de extravío do bono tanto pola persoa beneficiaria coma polo/a comerciante non se expedirá un novo bono para evitar calquera mala práctica.

Se o importe dos bens adquiridos, servizos profesionais recibidos ou os consumos é inferior ó valor dos bonos, o persoal do establecemento deberá facelo constar na solicitude de reintegro que presentará no Concello de Monforte de Lemos, facendo constar o número de bonos e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza.

Pola contra, se o importe fose superior ó do bono, o persoal do establecemento emitirá solicitude de reintegro polo importe do bono e a diferenza será pagada pola la persoa solicitante. O concello soamente asumirá a contía establecida no bono ou bonos, no caso de que fose más dun bono de 25 €, o que se gaste no establecemento.

Os bonos non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada bono só pode ser utilizado nun único establecemento, podendo ser utilizados todos os bonos no mesmo ou en diferentes negocios, sempre que o gasto mínimo sexa de 25 € para beneficiarse dos mesmos, na súa totalidade.

Unha vez entregados os bens, prestación de servizos ou realizado o consumo, non alcohólico, a persoa que o realice entregará o bono asinado ó establecemento que quedará en posesión do mesmo e presentará a solicitude de reintegro no Concello acompañada do citado bono ou bonos.

 

“Con este novo Plan de Apoio ás Familias e ós Sectores Económicos de Monforte”, concluíu o Alcalde, “sumando o Plan Reactiva Monforte, o Equipo de Goberno por a disposición dos monfortinos e monfortinas case 2 millóns de euros, para axudar a empresas, autónomos, traballadores, entidades, e agora ás familias, para que a economía de Monforte se recupere con máis forza”.