Monforte de Lemos, 11 de maio de 2020. Na mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu a reunión da Xunta de Portavoces, na que se trataron diversos temas e dúbidas relacionados con todo o relativo ó COVID-19. A xuntanza tivo lugar no Salón de Plenos do Concello, gardando as correspondentes medidas de seguridade e distancia determinadas polas autoridades sanitarias ante a pandemia do coronavirus.
Na xuntanza da Xunta de Portavoces, ademais do Alcalde, tamén estiveron presentes o Secretario do Concello, José Antonio Mourelle Cillero, a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Katherinie Varela, a voceira de Esperta Monforte, Maribel García, e o voceiro do Bloque Nacionalista Galego, Emilio Sánchez.
Na súa intervención inicial, o Alcalde deu conta dos 18 decretos establecidos durante as pasadas semanas pola Alcaldía do Concello, dende o inicio do estado de alarma da crise do COVID-19. Deste xeito, Tomé Roca enumerou os principais decretos entre os que se atopan o establecemento dos servizos esenciais do Concello, o relacionado coa exención taxas e prezos públicos sobre as terrazas, coas axudas a emerxencia social, o relativo á impresión de documentos a estudantes empadroados na cidade, o que supón a ampliación de prazos para o pago do imposto do lixo do 1º bimestre así como o imposto de vehículos de tracción mecánica, o decreto relativo á suspensión de pagos do bar cafetería do Centro Cívico, do campo municipal Luis Bodegas e da Tapería do Centro do Viño, así como a bonificación do 95% das taxas dos taxis e pagos dos postos praza de abastos e dos quioscos.
Nesta relación de decretos, o Alcalde tamén destacou o reparto porta a porta de 70.000 mascarillas e informou de que o Concello está pendente da recepción dun novo pedido de 100.000 unidades; salientou o levantamento da suspensión de feiras, logo da resolución da Consellería do Medio Rural; e informou do funcionamento, dende hoxe luns, do bus urbano e da apertura do Cemiterio Municipal, sempre seguindo as medidas de seguridade e hixiene determinadas polas autoridades sanitarias.
O Alcalde informou ós voceiros dos diferentes grupos municipais, da reincorporación do persoal municipal ós seus postos de traballo, en concreto de todos aqueles que non estiveron realizando teletraballo nas pasadas semanas ou dos que estiveron en quendas rotatorias. Neste senso, o mandatario municipal aproveitou para detallar as medidas de hixiene e seguridade implantadas nas diferentes dependencias municipais: instalación de mamparas protectoras para atención ó público, reparto de EPI’s e xeles hidroalcohólicos, etc. Tamén neste apartado, deu conta das medidas decretadas en relación á atención á cidadanía nas diferentes dependencias municipais, atención para a cal é necesaria cita previa, e na que se priman as canles telemáticas por diante da atención presencial.
Finalmente, nesta primeira intervención, o Alcalde explicou as liñas xerais do Plan: Reactiva Monforte, que se deu a coñecer o pasado venres tanto ós medios de comunicación como ós representantes dos principais sectores socioeconómicos da cidade (CEL, APEC, CCU e APEHL). O Alcalde, resaltou a importancia destas “axudas directas a empresas, autónomos e traballadores, que son axudas a fondo perdido e para que teñan liquidez, ante a situación de crise propiciada polo COVID-19”.
Logo desta primeira intervención, o Alcalde cedeu a palabra os diferentes voceiros dos grupos municipais. A primeira en tomar a palabra foi a voceira de Esperta Monforte, Maribel García, que procedeu a abandonar esta reunión indicando que “a información proporcionada polo Alcalde non lle aportaba nada novo e que chegaba con que tivera sido enviada por correo” ó que Tomé Roca lle respondeu que “coma representante dos cidadáns, ten a obriga de participar nos órganos de representación municipal, e para respecten a un, tamén hai que respectar”.
Tras a marcha da voceira de Esperta Monforte, tomou a palabra o voceiro do BNG, Emilio Sánchez, que indicou a necesidade de levar a cabo reunións periódicas deste tipo, así como fixo unha serie de suxerencias e aportacións para emprender accións para paliar os efectos do coronavirus, aspectos estes que manifestou que as rexistraría por escrito no Concello nos vindeiros días.
O representante do BNG tamén prantexou unha serie de dúbidas técnicas arredor do Plan: Reactiva Monforte, e tamén se interesou pola celebración do Festival do Viño, as Festas Patronais ou a Feira Medieval, que foi aprazada por mor desta pandemia. En relación á Feira Medieval, Emilio Sánchez indicou a necesidade de reclamar á Xunta respectase como celebrada está edición do certame, a fin de non perder o número de edicións necesarias para acadar o título de Feira de Interese Turístico Galego, algo que no Alcalde tamén concordou.
Pola súa banda, Katherinie Varela, voceira do grupo municipal do Partido Popular, indicou a necesidade de convocar unha comisión económica cos sectores principais da cidade, e reclamou que se volvesen a convocar Plenos ordinarios. Do mesmo xeito, tamén apoiou a idea de manter a edición da Feira Medieval deste ano como celebrada, si finalmente non se pode levar a cabo.
Tras as intervencións dos dous voceiros, o Alcalde deu resposta ás cuestións e dúbidas prantexadas, aclarando entre outros aspectos que as desinfeccións de rúas e espazos públicos fanse diariamente a cargo da empresa FCC, á que se unen os bombeiros en substitución da UME; que se está traballando na potenciación da venta online para os comercios da cidade ou que se ideará unha campaña de promoción da cidade, algo que foi aprobado no Pleno Extraordinario celebrado o pasado 26 de abril.
Do mesmo xeito, solventou as dúbidas prantexadas polo voceiro do BNG arredor do Plan: Reactiva Monforte. Con respecto á Feira Medieval salientou que se as circunstancias o fan posible, tentará organizarse nos últimos meses do ano. Algo similar sucederá co Festival do Viño, se finalmente non se pode celebrar en xullo. E en canto as Festas Patronais, analizou a complexidade da súa organización, “ante as dificultades de garantir con seguridade a celebración de concertos que son multitudinarios”.
Finalmente, o Alcalde tamén deu resposta ós prantexamentos da voceira popular, indicándolle que so é posible, mentres dure o actual estado de alarma, a celebración de plenos extraordinarios, e que dende a Alcaldía e o Grupo de Goberno, xa levaron a cabo xuntanzas de traballo con diversos sectores da cidade.