Monforte de Lemos, 26 de outubro de 2020. Tal como había comprometido o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, mantivo na mañá de hoxe unha reunión no salón de actos do pavillón da Pinguela cos traballadores e traballadoras da Piscina Municipal para explicarlles as últimas decisións tomadas polo Equipo de Goberno sobre a xestión mesma, xa que hoxe remataba a intervención municipal do servizo iniciada o pasado mes de abril. Na xuntanza, o Alcalde estivo acompañado polo Técnico de Deportes, Óscar Rodríguez, que ata o día de hoxe foi o interventor nomeado para a xestión da piscina dende dito mes de abril.
Deste xeito, o rexedor municipal explicou ós asistentes as dúas propostas que serán levadas hoxe a Pleno en relación coa Piscina Municipal. Dunha banda, a rescisión do contrato de xestión e explotación da piscina municipal climatizada, así como dos servizos de cafetería, e das pistas de tenis municipal da Pinguela, que actualmente está establecido coa empresa Alacer Ocio e Deporte SL. E doutra banda, a apertura dun expediente de indemnización, “polos prezuíxos económicos derivados da xestión que esta empresa levou a cabo da piscina municipal e que ocasionaron graves perturbacións deste servizo”, salientou o Alcalde.
Xestión a cargo da empresa pública Tragsatec
A intervención municipal da piscina acordada pola Xunta de Goberno o pasado mes de abril contaba cuns prazos previstos por lei, que remata hoxe luns día 26 de outubro.
Por este motivo, o Alcalde decidiu propoñer ó Pleno Municipal que se celebrará na tarde de hoxe luns a resolución do contrato de xestión da piscina, que suporá a rescisión do mesmo coa empresa adxudicataria, Alacer Ocio.
Ó mesmo tempo, por Decreto de Alcaldía, o rexedor monfortino tamén informo ós traballadores presentes na reunión, que tras a aprobación do Pleno, se lle comunicará á empresa Alacer Ocio a rescisión do seu contrato, e se lle comunicará o encargo de xestión da piscina á empresa pública Tragsa, a través dunha das empresas deste Grupo, chamada Tragsatec, que se encarga de levar a cabo asistencias técnicas como a que ten que ver neste caso coa piscina municipal.
Este encargo a Tragsatec será por un tempo de 6 meses, prorrogables mensualmente se fose necesario, ata que se resolva un novo concurso ou que se decida en torno á xestión da piscina. Tragsatec farase cargo do servizo dende mañá martes 27 de outubro. Neste senso, o Alcalde garantiu ós traballadores os seus postos de traballo.
Esta actuación a través da empresa pública Tragsa é posible grazas á Deputación Provincial de Lugo. A Deputación, fai menos dun ano, adquiriu accións nesta empresa pública que a converten en “medio propio da Deputación”, que o permite facer extensible os seus servizos ós municipios da provincia de Lugo, a través do Órgano de Asistencia ós Concellos., a través dun encargo directo, a prestación do servizo por parte de Tragsatec.
Trala exposición do Alcalde, os traballadores consultaron diversas dúbidas sobre o novo funcionamento da piscina que foron solventadas polo rexedor municipal. E do mesmo xeito, agradeceron as xestións levadas a cabo polo Equipo de Goberno por acadar unha solución satisfactoria para a piscina municipal.