O Concello cede a antiga Casa de Socorro para a nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte

Monforte de Lemos, 19 de decembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar da conclusión dos trámites entre o Concello de Monforte e o Ministerio do Interior, que supoñen a cesión gratuíta do inmoble municipal, coñecido como a antiga Casa de Socorro, para que albergue a nova sede da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Monforte.

O luns 30 de setembro de 2019, o Pleno da Corporación Municipal de Monforte aprobou por unanimidade o inicio dos trámites para que a antiga Casa de Socorro, ubicada no número 77 da Avenida de Galicia, acollese a nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte.

Tras elo, o 14 de setembro de 2020, o Alcalde de Monforte e o Secretario Xeral do Organismo Autónomo Gerencia de Infraestruturas y Equipamiento de la Seguridad del Estado (O.A. GIESE), D. Ricardo Llorente Hernández, asinaron a acta de entrega a este organismo adscrito ó Ministerio do Interior, do mencionado inmoble, “cedido gratuitamente para uso como comisaría del Cuerpo Nacional de Policía”.

En concreto, esta Acta de Entrega reflexa que este inmoble “ha sido aceptado por la Comisión Delegada del Consejo Rector del O.A. GIESE en su reunión celebrada el día 19 de mayo de 2020 y por Resolución del Secretario de Estado de Seguridad de fecha 7 de septiembre de 2020”.

Aceptada entón a cesión do inmoble por Resolución do Secretario de Estado de Seguridad de data 7 de setembro de 2020, o O.A. GIESE procedeu á rexistrar este inmoble como ben patrimonial no Rexistro da Propiedade de Monforte de Lemos-Quiroga, algo que se fixo efectivo o pasado 25 de setembro de 2020, e que lle foi comunicado ó Alcalde de Monforte o pasado 3 de decembro do presente ano. Deste xeito, o inmoble incorporarase ó Patrimonio da Administración Xeral do Estado.

Así, unha vez resoltos todos os trámites pertinentes, dende o Ministerio do Interior xa se poderán iniciar as obras de acondicionamento necesarias para albergar a nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte.

 

Características do inmoble cedido para a nova Comisaría da Policía Nacional

O inmoble que o Concello cedeu gratuitamente para albergar a nova Comisaría da Policía Nacional coñecese como antiga Casa de Socorro e está ubicado no número 73 da Avenida de Galicia.

Conta cunha superficie de terreo duns 2.282 metros cadrados, sobre os que se ubica unha superficie construída de 1.882 m2. O edificio está composto por un semisótano, unha planta baixa, unha planta alta e unha planta baixo cuberta.

A planta semisótano ten unha superficie construída de 244 m2, e destínase a garaxe, así como a outros usos que permita a lexislación. A planta baixa conta con 619 m2, a planta alta posúe unha superficie construída de 619 m2, e a planta baixo cuberta ocupa uns 340 m2. Estas tres plantas contan con diferentes habitacións, servizos e dependencias, que serán reformadas a fin de acoller as novas dependencias policiais.

 

O Alcalde monfortino, amosou a súa satisfacción por “acadar, dende esta Alcaldía, unha solución satisfactoria para a nova Comisaría da Policía Nacional de Monforte, que foi motivo de debate ó longo dos últimos anos e que por fin se materializou a través da cesión gratuíta dun inmoble que, ó constituírse coma sede propia, estou seguro de que afianzará a presencia da Policía Nacional na nosa cidade”.