Monforte de Lemos, 18 de novembro de 2020. A primeira tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, acompañadas do presidente de APEHL, Cheché Real, e do director do Instituto Galego do Viño, Xoan Cannas, inauguraron hoxe as xornadas denominadas “Desenvolvemento e xestión estratéxica de proxectos enoturísticos” no Centro do Viño de Monforte.
Nesta acción formativa, centrada na especialización en enoturismo, participan preto de 20 persoas. O curso afonda en diversos aspectos da viticultura e servirá para capacitar ó alumnado en aspectos prácticos, como a elaboración de cartas de viños, a maridaxe, o servizo e xestión de sala, o traballo en adegas e a xestión do negocio.
As persoas participantes poderán coñecer así novas tendencias do mercado e aprender a crear, desenvolver e xestionar produtos enoturísticos coñecendo ferramentas de comercialización, de imaxe de marca, comunicación e enomarketing. O curso complétase con clases prácticas de catas de viños galegos e nacionais de diferentes denominacións de orixe.
O Concello de Monforte colaborou na organización dun curso promovido pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL) no que a colaboración da Deputación de Lugo foi fundamental para o desenvolvemento do mesmo.
O Instituto Galego do Viño, que dirixe Xoán Cannas, é o encargado de impartir esta actividade formativa ata o mes de decembro a case unha vintena de participantes. A maioría das persoas inscritas pertencen ao sector do turismo e hoteleiro. Tamén participan profesionais do sector servizos.