Monforte de Lemos, 1 de xullo de 2020. O Concello de Monforte de Lemos anuncia que o martes día 7 de xullo de 2020 ás 14 horas rematará o prazo para presentarse ó XXV Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais 2020.
O prazo de presentación de propostas expiraba o 24 de abril pero dadas as extraordinarias circunstancias provocadas pola pandemia do COVID-19, dende o Concello de Monforte decidiuse ampliar o prazo de presentación de propostas ata o devandito día 7 de xullo.
Aqueles interesados en concursar terán que facelo con obras de creación propia, orixinais e inéditas. A técnica e o formato será libre sempre que sexa apta para a reprodución mediante cuatricromía.
Os deseños deberán incluír o texto “MONFORTE DE LEMOS FESTAS PATRONAIS do 11 ó 16 de agosto 2020”, distribuído do xeito que escolla o autor/a.
A entrega de orixinais realizarase persoalmente ou por correo no Rexistro Xeral do Concello de Monforte ata o 7 de xullo de 2020 ás 14 horas. Non se aceptarán aquelas obras que leven cuño de correos con data posterior.
As obras non levarán o nome do autor/a de maneira visible e presentaranse nun sobre asinado con pseudónimo, debendo acompañar noutro sobre pechado todos os datos persoais do autor: nome, enderezo postal completo, teléfono e enderezo de correo electrónico.
Establécese un único premio que será o cartel anunciador e a portada do programa das Festas 2020 e dótase cunha cantidade de 1.000 euros, impostos incluídos.
O cartel que reciba o premio quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos. A propiedade intelectual do traballo gañador corresponderá ó/á autor/a, non obstante a concesión do premio levará consigo sobre o traballo gañador a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, os informáticos, os multimedia e os telemáticos. O Concello poderá exercer os seus dereitos libremente, sen limitacións de tipo temporal ou territorial, sen que en ningún caso sexa necesaria a autorización do autor, que non terá dereito a ningún tipo de remuneración, percepción, participación, compensación nin indemnización por razón de ese exercicio nin da cesión de dereitos.
Do mesmo xeito, o Concello de Monforte quedará autorizado expresamente para divulgar o traballo gañador na forma e polos medios que considere máis oportunos e poderá exercer os seus dereitos sobre un fragmento ou parte do traballo, podendo adaptalo se fose necesario.
O gañador ou gañadora do concurso entregará tamén unha copia do cartel en formato dixital e incluirá os diferentes logotipos facilitados polo Concello de Monforte, e se é o caso das entidades patrocinadoras.
O cartel gañador e unha selección dos mellores traballos presentados, selección realizada polo xurado, quedarán temporalmente en poder da Delegación Municipal de Cultura para realizar unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, la segunda quincena de agosto. Unha vez rematada a exposición serán devoltos aqueles que sexan solicitados polos seus autores. Os autores responsabilizaranse totalmente de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas.
O xurado do concurso estará composto por:
PRESIDENTE: A Delegada-Concelleira de Cultura ou persoa á que designe.
VOGAIS: Persoas de diferentes ámbitos sociais, educativos e culturais de Monforte de Lemos.
SECRETARIO: O técnico de cultura do Concello de Monforte, con voz e sen voto, que certificará o cumprimento das condicións establecidas nas bases do concurso.
A decisión do xurado farase pública o venres 10 de xullo de 2020.
Criterios de selección e puntuacións
- Temática e relación coa cidade de Monforte e as súas festas: 30 puntos.
- Mellor deseño gráfico: 30 puntos.
- Tratamento das cores e tipo de letras: 20 puntos.
- Diferentes usos do texto e das imaxes: 20 puntos.
- Calidade técnica: 20 puntos.
- Calidade artística: 20 puntos.
- Impacto visual: 20 puntos.
- Creatividade: 20 puntos.
- Orixinalidade no deseño da montaxe: 20 puntos.
A participación no Concurso implica a total aceptación das presentes bases. A súa interpretación corresponde exclusivamente ó xurado, o cal poderá deixar deserto o premio establecido. En caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente do xurado.
O aboamento do premio será tramitado polo Concello de Monforte de Lemos, a través dunha transferencia bancaria. Previamente ao/á gañador/a do concurso seralle requirida a presentación do certificado bancario cun número da conta do titular.
Non poderá realizarse o pagamento mentres o beneficiario non se atope ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa seguridade social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.
Contra a resolución definitiva que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante a Xunta de Goberno Local no prazo dun mes, se o acto foi expreso ou de tres meses, ou ben directamente o recurso contencioso - administrativo, no prazo de dous meses, perante o Xulgado co Contencioso- Administrativo de Lugo.
Bases_Concurso_carteis_Festas_Patronais_Monforte_xullo_2020.pdf