Monforte de Lemos, 9 de xullo de 2020. A Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Monforte a través do CIM realiza dende hoxe un “Programa de Educación sexual integral” dirixido a un grupo pechado de 10 mulleres usuarias do CIM .
Este obradoiro é impartido nas instalacións do Centro Cívico situado no Paseo do Malecón s/n e desenvolverase ó longo dos meses de xullo e agosto, os días 9, 14 e 15 de xullo e 6, 25 e 27 de agosto en horario de tarde de 16.30 a 19.30 horas.
Con esta actividade preténdese que as participantes desenvolvan claves para o entendemento do seu corpo con respecto a sexualidade e realicen unha análise critica do modelo social afectivo imperante hoxe en día.
Ó longo das sesións farase unha abordaxe inicial do manexo de conflitos, adquirindo unha educación afectivo sexual ca finalidade última de reencontrarse co pracer sexual como mulleres.
O obradoiro é impartido por Estefanía Fernández Otero, médica especialista en medicina familiar e comunitaria especializada en saúde sexual.
Este proxecto encádrase como unha iniciativa solicitada dentro da Convocatoria de Subvencións que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a través da Secretaría Xeral da Igualdade dirixe ás Entidades Locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a Promoción da Igualdade con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 para o ano 2020.