Monforte de Lemos, 13 de febreiro de 2020. O pasado xudeu do Concello de Monforte foi hoxe protagonista nas xornadas que organiza a Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (APIT Galicia) en Tui. A 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, acompañada polo historiador monfortino Felipe Aira, desprazouse ata esta cidade pontevedresa para dar a coñecer o valor do pasado sefardí de Monforte. Esta acción enmárcase dentro do plan do Equipo de Goberno do Concello de promoción turística da cidade e de difusión do seu patrimonio histórico e artístico.
En concreto, e baixo o título Os Xudeos e Conversos en Galicia: os seus lugares, a súa historia, na sede da UNED de Tui desenvolveuse dende as 10 da mañá de hoxe un programa cuxo obxectivo non foi outro que dar a coñecer ós asistentes os aspectos máis relevantes e destacados das xuderías dos tres concellos galegos que contan cun pasado sefardí, Tui, Ribadavia e Monforte de Lemos. Estes 3 concellos pertencen á Red de Juderías de España.
No acto inaugural, estiveron presentes, ademais de Gloria Prada, o Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o Alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández e o presidente de APIT Galicia, Tommi Alvarellos.
Tras a inauguración e logo das intervencións dos representantes de Tui e Ribadavia sobre as súas respectivas xuderías, Gloria Prada e Felipe Aira, deron a coñecer ós participantes os aspectos históricos, culturais e artísticos máis salientables da xudería de Monforte. Tras a intervención de ambos, proxectouse un vídeo promocional sobre o Monforte xudeu, vídeo que foi presentado a finais de xaneiro polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, na pasada edición de FITUR en Madrid.
A xornada divulgativa da mañá completouse cunha charla sobre os xudeus de Ourense, Allariz e Monterrei. Pola tarde, está prevista unha visita á xudaría de Tui a cargo de Suso Vila, historiador, doutor en historia da arte e xestor patrimonial.
Mañá día 14 de febreiro, ós asistentes a estas xornadas desprazaranse ata Monforte de Lemos para visitar a súa xudería. Será a partir das 15:30 horas e serán acompañados por Felipe Aira e Gloria Prada.
Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia
As xornadas Os Xudeus e Conversos en Galicia: Os seus lugares, a súa historia, enmárcase nas xornadas de formación e divulgación que periodicamente organiza a Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (APIT Galicia). Nestas xornadas, o obxectivo é descubrir ou redescubrir unha parte ineludible da nosa historia e as distintas confesións que habitaron entre nós durante séculos.
Se ben os xudeus estiveron espallados por toda a nosa xeografía temos aínda hoxe vilas e cidades onde esa presencia forma parte do cotiá e do seu patrimonio tanto material como inmaterial. Estes lugares, a pesar das dificultades históricas, seguen a ofrecer a historiadores e investigadores, pegadas e material de investigación para seguir descifrando o día a día dos antergos xudeus de Galicia. Un material que desde o punto de vista turístico é tamén unha porta aberta a novas rutas e novos produtos que podemos empregar na nosa profesión.
Coa organización desde Xornadas, desde APIT Galicia buscouse apoiar a estes divulgadores e as institucións que están a traballar día a día para o rexurdir das xuderías en Galicia: os concellos de Tui, Monforte de Lemos e Ribadavia.
Programa completo
13 de febreiro
10:00 INAUGURACIÓN DAS XORNADAS
- Alcaldes de Tui, Ribadavia e Tenente de Alcalde de Monforte
- Presidente de APIT Galicia
10:15 A XUDERÍA DE TUI
- Suso Vila. (Historiador, Doutor en Historia da Arte e Xestor Patrimonial.)
11.00 A XUDERÍA DE RIBADAVIA
- Antonio Míguez Amil (Responsable Oficina Turismo de Ribadavia e do centro de información xudea de Galicia).
11:45 Pausa
12.15 A XUDERÍA DE MONFORTE DE LEMOS.
- Gloria Prada (Responsable Rede de Xudarías de Monforte de Lemos) e Felipe Aira, historiador monfortino.
13:00 OS XUDEUS DE OURENSE , ALLARIZ E MONTERREI
- María Gloria de Antonio Rubio.(Historiadora e Investigadora del CSIC)
- Mesa de Debate: Nexos xeográficos e profesionais entre as comunidades xudeas en Galicia.
14.15 Pausa
15.30 Visita da xudaría de Tui con Suso Vila.
14 de febreiro
9:30 saída en bus desde TUI
10.30 Visita da Xudaría de Ribadavia a cargo de Antonio Míguez Amil
13.00 Pausa
15.30 Visita da xudaría de Monforte de Lemos.
17.30 retorno a Tui e fin das xornadas.