O Concello fai entrega ó Hospital de Monforte de material de protección ante o COVID-19

Monforte de Lemos, 31 de marzo de 2020. O Alcalde de Monforte e o seu Equipo de Goberno seguen axudando a loitar contra a pandemia do COVID-19 e son plenamente conscientes das necesidades dos diferentes colectivos que na cidade traballan para paliar a extensión e o tratamento deste virus.

Deste xeito, tendo coñecemento dende o Concello de que o persoal de urxencias do Hospital de Monforte necesitaba equipos en canto ó subministro de diferentes elementos de protección ante a enfermidade, na mañá de hoxe, a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, en coordinación co Alcalde, José Tomé Roca, desprazouse ata as dependencias do Hospital para facer entrega, á Dirección do Hospital, de 50 buzos de protección, destinados ó uso dos sanitarios que tratan ós enfermos actualmente ingresados por COVID-19.

O obxectivo dende o Concello, ó igual que coa entrega a pasada fin de semana de material de protección no Asilo de Anciáns “Fogar de San José” de Monforte, é, en verbas do Alcalde, “contribuír a garantir a seguridade ante esta pandemia do persoal sanitario e de servizos da cidade, que en moitos casos non conta cun abastecemento regular de dito material de protección ou non dispón dos recursos necesarios para conseguilo”.

 

EPI`s para o persoal da empresa FEPAS

Na mesma liña, o Equipo de Goberno do Concello está a traballar xa na preparación de EPI’s para facerlle entrega dos mesmos nas vindeiras horas ós responsables da empresa FEPAS, que é encargada de prestar o servizo do Concello de axuda a domicilio para persoas dependentes.

Esta iniciativa púxose en marcha dende o Concello de Monforte, logo de coñecer que as empregadas de dita empresa carecían de elementos de protección individual suficientes ante o coronavirus, equipos necesarios para desempeñar a súa labor axeitadamente, e tendo en conta ademais que traballan con persoas de alto risco á hora de poder contraer e padecer esta enfermidade.

José Tomé Roca, insistiu en que “o Equipo de Goberno deste Concello traballa día a día para seguir detectando as necesidades dos diferentes colectivos da cidade que están a desenvolver a súa actividade en contacto co COVID-19, e seguiremos, na medida das nosas posibilidades e recursos, axudándoos coa entrega de material de protección e desinfección para combater de xeito máis eficaz a expansión desta pandemia”.

“Dende o Concello de Monforte”, concluíu o Alcalde, “poñémonos a disposición do resto de Administracións para traballar conxuntamente co obxectivo de superar esta crise sanitaria.”