Monforte de Lemos, 10 de novembro de 2020. O Concello de Monforte informa de novas restricións que afectan ó aforo máximo do Bus Urbano municipal, logo da publicación da Orde do 9 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.
En concreto, no artigo 3.25. “Transportes”, establécense novas condicións que afectan ó transporte municipal de Monforte, e que entrarán en vigor a partir hoxe martes 10 de novembro, logo da súa publicación no DOG.
Dunha banda, o “apartado a)” do citado artigo indica que “nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, poderase ocupar a totalidade dos asentos. Deberase manter a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita”. Isto supón que o aforo máximo de persoas sentadas para o Bus Urbano de Monforte será de 19 persoas.
E doutra banda, o “apartado b)” sinala que “nos vehículos e embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé, procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible, e establécese como límite de ocupación máxima a dunha sexta parte das prazas de pé.” Neste caso, so poderán ir de pé 2 persoas no Bus Urbano do Concello de Monforte.
Finalmente, a orde tamén indica que durante toda a duración do traxecto, cando esta sexa inferior a dúas horas, as persoas usuarias non poderán consumir alimentos no interior do vehículo e deberán, igualmente e na medida do posible, evitar consumir bebidas, conversar ou manter calquera outro contacto directo con outras persoas ocupantes de dito vehículo, neste caso o Autobús Urbano de Monforte.