Monforte de Lemos, 20 de novembro de 2020. O Concello de Monforte informa sobre a regulación do tráfico na Dr. Casares por obras que se levan a cabo na xornada de hoxe e que previsiblemente terán continuidade mañá sábado 21, á altura do número 38, na baixada lateral ó Ambulatorio que enlaza co paseo do Malecón.
O tráfico está debidamente ordenado a través da sinalización correspondente ubicada no Campo de San Antonio, na entrada a Méndez Casal e na Praza de Dr. Goyanes, a fin de propiciar o tránsito de vehículos de forma axeitada.
As obras lévanse a cabo en horario de 9:30 a 19:30 horas, por necesidades de mantemento da rede eléctrica, en concreto, para realizar unha canalización para dar servizo de subministro eléctrico á finca correspondente a dito número 38.
Dende o Concello agradecemos a comprensión dos veciños e condutores e rogamos desculpen as molestias que estes traballos poidan ocasionar.