Monforte de Lemos, 7 de outubro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que nos vindeiros días, en concreto ó longo da semana que ven, finalizarán as obras de mellora e embelecemento do exterior e do entorno do Centro Social de Reigada.
A Casa Social da Parroquia de Reigada, atópase situada na Parcela Catastral 255 do Polígono 41, no Paraxe de Lagoa, no Lugar de Reigada. Esta casa social, xunto coa parcela na que se atopa, linda polo seu vento sur coa traza do Camiño de Inverno. O Concello de Monforte destina a estas obras de mellora 20.248,33 euros.
A Casa Social de Reigada é unha construción de planta baixa resolta con cerramentos de fábrica de ladrillo revestidos con morteiro monocapa de cor branco, con zócolo, esquinais en cor gris; e cuberta a dúas augas, con porche na entrada principal, resolta con tella cerámica mixta colocada sobre armazón inclinado de madeira.
A citada casa está emprazada dentro dunha parcela lindeira coa traza do Camiño de Santiago que dispón dun peche de tela metálica pintada de cor branca. O interior da parcela está equipado con aparellos biosaudables de ximnasia para persoas maiores e dispón dun farol para a iluminación do entorno da casa social.
A casa e a parcela presentaban un estado de deterioro que xunto coa tipoloxía de materiais empregados para a súa construción da casa e do peche da parcela, non se adecuaban ó entorno no que se atopan.
En concreto, o estado actual dos elementos da casa e do seu entorno que están sendo mellorados, para que o conxunto se integre na paisaxe onde se atopa, son os seguintes:
- Cuberta: como se indicaba anteriormente, a cuberta da casa social está resolta con tella cerámica mixta e esta atópase en mal estado de conservación (fendas) e defectos de colocación que fan que a auga de choiva entre ó interior da casa. Cabe sinalar tamén, que a tipoloxía de cuberta tradicional na zona é con tella curva, non con tella mixta.
- Cerramentos: os paramentos exteriores dos cerramentos da casa están acabados con morteiro monocapa coloreado que se atopa con diversas manchas de humidade e po adheridos á superficie debido á porosidade da mesma. Hai que ter en conta que este tipo de acabado nos paramentos exteriores tampouco se adecúa ó habitual na zona, xa que, os acabamentos tradicionais para os cerramentos de fábrica de ladrillo son con enfuscado con morteiro de cemento pintado.
- Equipamento: o interior da parcela está equipado con aparellos de ximnasia para persoas maiores e dispón dun farol que se atopa sen luminaria coa lámpada ó descuberto.
- Peche de parcela: o peche da parcela está resolto con postes metálicos fincados no chan e tela metálica, pintado todo en cor branca. O acceso ó interior do recinto faise mediante unha cancela metálica pintada tamén en cor branca. Tanto o peche coma a cancela, ademais de estar executados con materiais que non son acordes co entorno onde se atopan, presentan un mal estado de conservación que fai que o conxunto de casa e parcela sexa pouco atractivo.
- Árbores: o interior da parcela dispón de zona axardinada con céspede e tres árbores que precisan ser podadas para evitar que estas provoquen danos na cuberta da casa social.
- Elementos do entorno: no exterior do peche da parcela existen uns contedores de lixo e vidro que desentoan co entorno onde están situados. Tamén hai un taboleiro de anuncios integrado no peche actual da parcela, executado en carpintería de aluminio de cor branca que se atopa deteriorado.
“O Concello de Monforte” destaca o Alcalde, “segue a levar a cabo obras de mellora nas parroquias da cidade, e neste caso, renovando o aspecto exterior o edificio e embellecendo o seu entorno, polo que os veciños e veciñas de Reigada, verán nun corto espazo de tempo mellorado significativamenteo seu local social”.
Mellora do exterior e da contorna da Casa Social de Reigada
O Equipo de Goberno do Concello, dadas as eivas descritas anteriormente, decidiu acometer esta obra de mellora no Local Social de Reigada co obxectivo de mellorar a imaxe da Casa e da parcela onde se atopa, dotando a esta de materiais e acabamentos propios da zona onde se sitúa. Para elo, estase xa levando a cabo a execución dos seguintes traballos:
- Actuacións na cuberta: substitución da tella cerámica mixta actual por outra nova con tella cerámica curva coloca sobre placas de fibrocemento para garantir a impermeabilización da mesma. Para elo desmontouse a tella cerámica mixta existente e procedeuse ó acondicionamento do soporte da cuberta para instalar o novo tellado de fibrocemento con tella curva coa substitución de elementos do taboleiro que se atopen deteriorados.
- Actuacións nos cerramentos da casa: o acabado dos cerramentos da Casa Social está resolto con morteiro monocapa de cor branca con zócolo e esquinais de cor gris. Posto que este acabamento considerase discordante co entorno, xa que, o sistema tradicional de revestimento de paramentos exteriores de fábrica de ladrillo é enfuscado con morteiro de cemento e pintado, procedeuse ó pintado dos paramentos exteriores con pintura acrílica de acordo coa “Guía de Cor e Materiais de Galicia”.
- Actuacións no interior da parcela: substitúese a iluminación exterior existente por outra máis acorde co entorno e con maior eficiencia enerxética e podáronse as árbores existentes para mellorar o seu aspecto e evitar que estas poidesen danar a cuberta da casa.
- Actuacións no peche da parcela: retirouse o peche de tela metálica actual e colocouse un novo valado de madeira, mais acorde co entorno. Para a colocación deste novo valado foi necesaria a execución dunha zapata corrida de formigón que serve para fincar os soportes do valado. Tamén se substituíu a cancela existente por outra nova de madeira, acorde con novo valado.
- Colocación dunha nova fonte de pulsador, que se ubicará ó lado do propio local social, para que a usen tanto veciños coma peregrinos.
- Entorno da parcela: dado que no exterior da parcela existían elementos que afeaban o entorno da mesma, como son os contedores de lixo e un taboleiro de anuncios en mal estado, no novo peche da parcela integrase un recinto para ocultar os citados contedores de lixo e vidro, e colocouse un novo taboleiro de anuncios executado en carpintería de madeira.