O Concello solicita ó IDAE dous proxectos para mellorar a totalidade do alumeado urbano e rural de Monforte

Monforte de Lemos, 8 de xuño de 2020. O Concello de Monforte solicitou ó Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) a subvención para dous proxectos que, de ser aprobados, suporán a mellora da totalidade do alumeado urbano e rural de Monforte.

Esta petición foi aprobada por Decreto de Alcaldía e ratificada por unanimidade no Pleno da Corporación Municipal de Monforte, celebrada hoxe ás 9:45 horas no Salón de Pleno da Casa do Concello.

O importe total das actuacións para a renovación do alumeado exterior no ámbito urbano ascende a 1.806.399,93 euros, mentres que para a renovación do alumeado rural o importe das actuacións a realizar a 1.554.960,72 euros. Deste xeito, o importe total dos proxectos que o Concello solicitou ó IDAE ascende a 3.361.360,65 euros.  

 

Necesidade da renovación da totalidade do alumeado urbano e rural de Monforte

O Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño, regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Este decreto foi modificado posteriormente polo Real Decreto 316/2019, de 26 de abril, sendo publicado no BOE nº 103 de 30 de abril de 2019.

Deste xeito, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vista a necesidade de renovar o alumeado público de Monforte, en base ó aforro e á eficiencia enerxética, levou á Xunta de Goberno Local a aprobación da solicitude de dous proxectos ó IDAE para levar a cabo a mellora da totalidade do alumeado urbano e rural de Monforte.

A petición de dita solicitude foi aprobada por Decreto de Alcaldía, en base ó Real Decreto 316/2019, de 26 de abril, a cal incluíu a petición de dous proxectos.

Dunha banda, o proxecto recollido na memoria “Renovación das instalacións de iluminación exterior en Monforte de Lemos (III) - Urbana”, na que o importe das actuacións a realizar ascende a 1.806.399,93 euros.

E doutra banda, o proxecto referido na memoria “Renovación das instalacións de iluminación exterior en Monforte de Lemos (III) – Zona Rural”, na que o importe das actuacións a realizar ascende a 1.554.960,72 euros.

Do mesmo xeito, tamén se adoptou o compromiso de acometer as actuacións obxecto das solicitudes de axuda, condicionadas á obtención da cofinanciación FEDER necesaria.

Finalmente, dende o Concello adoptouse o compromiso de habilitar crédito suficiente para financiar os proxectos prantexados, no caso de que aqueles resultasen seleccionados nesta convocatoria.

Feita a petición destes dous proxectos ó IDAE aprobada por Decreto de Alcaldía para estes dous proxectos, con data 7 de maio de 2020, por parte do IDAE requiriuse ó Concello a certificación do acordo do Pleno como órgano competente para a solicitude da subvención nun prazo de 10 días.

A situación de crise sanitaria xerada pola pandemia do COVID-19 supuxo a suspensión dos prazos administrativos dende o 16 de marzo, prazos que foron reanudados o día 1 de xuño, motivo polo cal na mañá de hoxe celebrouse o Pleno da Corporación Municipal de Monforte, no que se ratificou por unanimidade a petición destes dous proxectos aprobada por Decreto de Alcaldía.

Así, o importe total destes dous proxectos que o Concello solicitou ó IDAE para a mellora da totalidade do alumeado urbano e rural de Monforte ascende a 3.361.360,65 euros, dos cales o Concello aportaría, no caso de ser concedidos, o 20%, é dicir, 672.272,13 euros, mentres que o IDAE aportaría o 80% restante, 2.689.088,52 euros.

Por partidas, para o proxecto de renovación de instalacións na zona urbana, o Concello aportaría 361.279,99 euros, mentres que o IDAE aportaría 1.243.968,58 euros. E no caso da renovación do alumeado rural, o Concello achegaría 310.992,14 euros e o IDAE 1.243.968,58 euros.

Antes do inicio do Pleno de hoxe, a Corporación, a petición do Alcalde, gardou un minuto de silencio en memoria de Isabel Sánchez Montenegro, que foi deputada e concelleira en Monforte, e que faleceu o pasado 5 de xuño ós 58 anos.