Monforte de Lemos, 14 de novembro de 2020. O Concello de Monforte segue a desenvolver a súa programación cultural, prevista para o último trimestre do ano, e tendo en conta as restricións derivadas da pandemia da Covid-19 así como as recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias, especialmente en distanciamento social e uso obrigatorio de máscara.
Deste xeito, o salón de actos do Edificio Multiusos acollerá o vindeiro sábado 21 de novembro ás 20:00 horas, dentro do programa Xacobeo 2021, un concerto do grupo Milladoiro, concerto no que este emblemático grupo galego presentará o seu novo traballo “Atlántico”. Nel, farase un percorrido polas composicións máis lendarias do grupo dende as súas orixes ata hoxe, unha homenaxe á longa traxectoria do grupo folk galego por excelencia.
Esta actividade está programada pola Dirección Xeral de Política Lingüística, e organizada polo Concello de Monforte en colaboración coa Deputación de Lugo.
A entrada para este concerto será gratuíta, pero tendo en conta a actual normativa establecida polas autoridades sanitarias para este tipo de espectáculos, a capacidade do local estará limitada a un máximo de 30 persoas.
Por este motivo, e debido ás escasas posibilidades de asistencia ó concerto, este será gravado e emitido posteriormente a través da páxina web do Concello de Monforte nun día aínda por definir.
Do mesmo xeito, para poder optar a conseguir unha desas 30 entradas, os interesados deberán, do 16 ó 18 de novembro, realizar unha solicitude individual, ben chamando o teléfono do Concello: 982 402 501, ou ben escribindo un correo a: cultura@concellodemonforte.com, indicando nel o nome e teléfono da persoa que quere acudir ó concerto.
O xoves 19 farase un sorteo entre todos os solicitantes de entradas e determinaranse os 30 asistentes. O resultado do sorteo será comunicado individualmente por teléfono a cada persoa agraciada, ou a través do correo electrónico o propio xoves 19 pola mañá.
Protocolo ante a Covid-19
Para o desenvolvemento deste concerto, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante a Covid-19:
- A capacidade do local é, nestes momentos, de 30 persoas.
- A entrada ó salón de actos realizarase dende 30 minutos antes do comezo do concerto.
- Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
- Gardarase a distancia social de seguridade.
- O espectador non tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.