Monforte de Lemos, 10 de xaneiro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu o pasado mércores día 8 a toma de posesión coma funcionarios de carreira de tres novos policías municipais da cidade do Cabe, que pasan a pertencer ó cadro de persoal do Concello de Monforte de Lemos.
Os tres novos axentes da Policía Local de Monforte son Antonio Portela González, natural de Vigo, Óscar José Lorenzo Pérez, natural de Ferrol, e José Olaf Fernández Fuente, natural de Monforte. Deste xeito, xa ocupan a súa praza no Concello de Monforte, encadradas na escala de Administración Especial, escala básica, na categoría de axente de Policía Local, grupo C1.
Os tres axentes superaron en abril de 2019 o proceso selectivo que por entón abriu o Concello para a cobertura de 3 prazas da Policía Local de Monforte. Deste xeito, os tres axentes iniciaron un proceso formativo na Academia Galega de Seguridade Pública de A Estrada que alternaron con diversos períodos de prácticas no propio Concello de Monforte. A finais do pasado ano, os tres axentes superaron satisfactoriamente o seu proceso formativo polo que a súa incorporación como funcionarios ó Concello púidose materializar finalmente a principios do presente ano.
Acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Secretario do Concello, José Mourelle Cillero, e o Xefe da Policía Local, Miguel Martínez, o Alcalde aproveitou tamén este acto de toma de posesión para departir cos tres novos axentes sobre o funcionamento do corpo da Policía Local e outros aspectos relacionados coas súas funcións na cidade e no conxunto do Concello. E tamén lles desexou moita sorte nesta nova etapa que comezan ó servizo dos cidadáns de Monforte.