Xornalistas especializados en viaxes e turismo visitan Monforte e a Ribeira Sacra da man do Concello e da Red de Juderías

Monforte de Lemos, 2 de marzo de 2020. O Concello de Monforte e a Red de Juderías de España seguen a traballar na promoción e difusión do espazo de ámbito xudeu da cidade.

Deste xeito, hoxe luns 2 a cidade de Monforte recibiu a visita dun grupo de  xornalistas especializados en viaxes e turismo, interesados en descubrir o importante patrimonio da cidade do Cabe e da Ribeira Sacra, e de difundilo posteriormente nas súas canles e medios de comunicación. Este é un proxecto posto en marcha pola Red de Juderías para visitar as cidades que conforman dita asociación, e Monforte de Lemos é a primeira parada no percorrido.

Co obxectivo de aproveitar ó máximo a visita deste grupo de profesionais da comunicación e difusión turísticas, o Equipo de Goberno do Concello de Monforte organizou unha intensa xornada de actividades que deu comezo pola mañá coa visita á Torre da Homenaxe  e á zona de ámbito xudeu da cidade. Tras ela, a comitiva desprazouse camiñando ata o Colexio de Nosa Señora da Antiga, para visitar a súa escaleira, o claustro, a igrexa e a pinacoteca.

Nesta visita, foron acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, pola delegada da Red de Juderías, Marta Puig Quixal e polo técnico de cultura do Concello, Carlos Rodríguez. No percorrido, os xornalistas foron guiados polo investigador monfortino Felipe Aira, e na súa visita ós Escolapios polo seu director, Pablo Blanco.

Ó mediodía, a comitiva foi recibida polo Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e a continuación degustaron un auténtico menú sefardí no Parador de Turismo de Monforte. O Alcalde aproveitou a ocasión para darlles a benvida á cidade e para explicarlles o importante patrimonio artístico, cultural e gastronómico da cidade e da Ribeira Sacra. Tamén aproveitou o encontro para obsequiar ós xornalistas cunha serie de volumes sobre a historia da cidade, a Ribeira Sacra, o Colexio dos Escolapios, e tamén a Guía Turística oficial de Monforte.

 

Pola tarde, continuaron a súa visita achegándose á Ribeira Sacra para visitar o Miradoiro do Duque e o Embarcadoiro Río Sil, así como a Adega Algueira. A continuación, retornaron a Monforte para chaegarse a descubrir o Museo das Clarisas, e concluirán a súa estancia en Monforte disfrutando dunha cata de viños da D.O. Ribeira Sacra no Centro do Viño.

 

Mañá martes e o mércores, o grupo de xornalistas especializados continuará o seu percorrido por Galicia visitando ás outras dúas cidades galegas que pertencen á Red de Juderías, Ribadavia e Tui.

  

  

    

 

  Xornalistas especializados

O grupo de xornalistas que visitarán Monforte e a Ribeira Sacra está formado polas seguintes persoas:

  • Magdalena Munar Krohn,  fotoxornalista en diversos medios, entre eles o xornal La Razón, a revista de turismo online Top Viajes, ou a revista Condé Nast Traveler.
  • Javier García Blanco, xornalista, fotógrafo e escritor que traballa para distintos medios de comunicación, como Historia de Iberia Vieja, El Español, El Mundo, Yo Dona, Lonely Planet o Condé Nast Traveler
  • Carlos Pascual Gil, xornalista especializado en viaxes e que é destacado articulista en El Viajero, que é a guía de viaxes do xornal El País.
  • Javier Carrión García, do xornal ABC e a canle especializada Viajar.
  • Carmelo Jordá Jordá, redactor e fotógrafo de Libertad Digital e tamén colaborador en esRadio.
  • Hernando Reyes Isaza director para España e Portugal de Wonder GO Travel Magazine.
  • Javier Gutiérrez Rodríguez. Fotógrafo de Wonder GO Travel Magazine
  • Marta de Perales Pérez Herrero, do xornal especializado en turismo Tu gran viaje.

 

Dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte, valórase moi positivamente este tipo de xornadas divulgativas, nas que tamén participaron as outras dúas cidades con pasado xudeu en Galicia, Tui e Ribadavia, xa que permiten, como é neste caso, dar a coñecer ós profesionais do sector da comunicación turística a importante oferta coa que conta a cidade de Monforte a nivel histórico, gastronómico, artístico e cultural, como capital da Ribeira Sacra.