Monforte de Lemos, 4 de marzo de 2021. O Concello de Monforte e o CIM non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller. E, a pesar de que a pandemia do Coronavirus impide este ano a celebración de actos presenciais e de concentración de persoas, dende o Equipo do Goberno do Concello de Monforte diseñouse igualmente un completo programa de accións reivindicativas e de sensibilización arredor desta importante data.
Deste xeito, o programa de actividades arredor do 8M, Día Internacional da Muller, foi dado a coñecer na mañá de hoxe pola Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, e pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada.
A Concelleira de Muller e Igualdade iniciou a súa intervención destacando que “dende este Equipo de Goberno sempre traballamos xunto ó movemento feminista, e seguiremos a traballar para facer realidade a igualdade entre homes e mulleres, para avanzar nos dereitos e liberdades das mulleres. Deste xeito, coa organización dos actos que describiremos a continuación, seguimos traballando para sentar as bases para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva”.
A crise sanitaria do Coronavirus condiciona a edición deste ano e “pon de manifesto a vulnerabilidade do noso sistema sanitario e de protección social xerando un freo ás políticas transformadoras impulsadas durante a última década e poñendo en risco os avances alcanzados en materia de igualdade. Un risco que pode obstaculizar ou facer retroceder os dereitos de igualdade alcanzados no noso país e repercutir negativamente os seus efectos sobre as políticas e avances de igualdade” destacou a Concelleira.
Por iso, dende o Equipo de Goberno e dende a Concellería de Muller e Igualdade, en colaboración co CIM, a pesar das restricións sociais ás que obriga a pandemia, para esta edición de 2021 arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ideouse a Campaña de Sensibilización “#AIgualdadeÉ”.
“O noso obxectivo” destacou Margarita López, “como todos os anos, é facer actividades e propostas transformadoras que contribúan a eliminar na nosa sociedade as estruturas machistas e patriarcais que desgraciadamente seguen presentes no fondo de toda estrutura social e política das nosas vidas”.
A continuación a Concelleira describiu o Programa de actividades arredor do 8M Día Internacional da Muller.
Campaña de sensibilización #AIgualdadeÉ
A campaña que dende o Concello se ideou para este ano consiste na elaboración de diverso material cunha creatividade e unha idea comúns, en torno o concepto de Igualdade.
“O noso obxectivo é poñer en valor o traballo que realizan as mulleres no seu día a día e que desenvolve en tódolos ámbitos da sociedade, á vez que sensibilizamos sobre a multitude de discriminacións que están a sufrir as mulleres, coa finalidade última de concienciar á poboación monfortina sobre a necesidade de acadar unha igualdade real e efectiva” indicou a Concelleira.
Así, esta campaña de sensibilización desenvólvese dende mañá día 5 e ata o 15 de marzo, a través dos seguintes elementos, que incluirán diversas mensaxes a prol da igualdade:
- Instalación de 40 carteleiras-banderolas colocadas por toda a cidade.
- Instalación dun vinilo no Bus Urbano Municipal, para aumentar así a visibilidade e a forza da mensaxe que se quere transmitir.
- Pancartas conmemorativas no edificio do Concello, no Centro Cívico e na rúa Cardenal.
- Reprodución dun vídeo de 1.45 minutos elaborado dende o Concello expresamente para este ano, e que será divulgado a través da web e das redes sociais do Concello o propio día 8 de marzo. Do mesmo xeito, as redes sociais municipais recolleran unha intensa campaña baixo este lema, debido a imposibilidade de levar a cabo actos presenciais.
Esfera de helio “Monforte pola Igualdade” no Campo de San Antonio
A principal novidade que se incorpora este ano a esta campaña será a colocación dunha esfera de helio de 2,5 metros de diámetro, de cor branca, con letras en malva e que se iluminará polas noites, co lema “Monforte pola Igualdade”.
Esta esfera de helio permanecerá colocada na Praza Campo de San Antonio do 5 ó 10 de marzo, e “estou segura de que chamará moito a atención dos monfortinos e monfortinas e que contribuirá decisivamente a trasladar o lema da nosa campaña e os obxectivos que perseguimos con ela” destacou a Concelleira monfortina.
Iluminación en cor malva da Torre da Homenaxe
Ó igual que se fixo o pasado 25 de novembro na xornada “Monforte en negro contra as violencias”, en lugar de colocar unha pancarta na Torre da Homenaxe como era tradición, levarase a cabo a iluminación da Torre en cor malva, acción que terá lugar o propio luns día 8 de marzo.
Lectura do Manifesto do 8M, Día Internacional da Muller
Debido a que o Covid-19 impide que poida levarse a cabo a tradicional concentración e lectura do Manifesto do 8M na Praza do Concello, a lectura do mesmo terá lugar ás 13:05 horas de ese día luns 8 de marzo nas principais emisoras de radio da cidade, e o texto do mesmo será divulgado a través da páxina web e das redes sociais do Concello.
Ese mesmo día, estrearase tamén a través da canle YouTube, da web e das redes sociais do Concello o vídeo conmemorativo mencionado anteriormente.
Obra de teatro Feminíssimas, da Compañía De Ste Xeito Producións
Finalmente, xoves 25 de marzo as 20.15 horas estrearase no salón de actos do Edificio Multiusos a obra de teatro “Feminíssimas”, da Compañía De Ste Xeito Producións, que está incluída no Ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios do Concello de Monforte.
A entrada para a mesma será de 5 € para persoas adultas e 3 € para persoas desempregadas e xubiladas. Neste caso, e debido as restricións determinadas polas autoridades sanitarias ante a Covid-19 para este tipo de actividades, o aforo será dun máximo de 110 persoas, e será necesario cumprir coa normativa específica de acceso ó edificio, así como o uso obrigatorio de máscara e o distanciamento social correspondente.
“En resumo”, concluíu a Concelleira de Muller e Igualdade, “organizamos un programa especial marcado pola pandemia, cunha mensaxe que diriximos a todos os estamentos da nosa sociedade, porque dende o Equipo de Goberno do Concello queremos unha sociedade paritaria e participativa, na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito, unha sociedade que camiñe cara á igualdade real e efectiva. Espero que chegue o día en que non faga falta reivindicar nada disto”.