Monforte de Lemos, 15 de decembro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, participaron hoxe en León na 58ª Asemblea xeral ordinaria da Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad.
Durante a Asemblea, que se celebrou no Parador Nacional de San Marcos en León, traballouse en diferentes asuntos de interese, fundamentalmente o orzamento e os novos proxectos para o ano 2022, englobados tanto no área de Promoción Turística como nas áreas de Educación ou Cultura.
Do mesmo xeito, deuse conta das actividades desenvoltas no ano 2021 nas súas principais áreas de actuación en turismo, educación e comunicación, marcadas pola especial situación de crise derivada da Covid-19, e aprobouse o orzamento para o exercicio 2022.
O encontro serviu para abordar novos retos para o período 2022-2025, a través de estratexias comúns de futuro, co obxectivo de acadar unha maior promoción das cidades da Rede nos mercados turísticos e culturais tanto nacionais como internacionais.
A estas estratexias sumouse o Concello de Monforte, que en verbas do seu Alcalde, “é moi importante para todos os membros da Red incorporarse a novas iniciativas de turismo e promoción que se engadan ás xa existentes e consolidar estratexias comúns de actuación para difundir o pasado e patrimonio xudeus das cidades e atraer visitantes nacionais e internacionais”.
Durante a celebración da Asemblea Xeral, tivo lugar un encontro telemático co Presidente de Paradores, Pedro Saura, para formalizar a sinatura dun acordo de colaboración que permitirá establecer futuras sinerxias entre ambas institucións dado que 11 cidades da Red de Juderías contan cun Parador Nacional.
A alta participación nesta Asemblea, na que acudiron 19 das 21 cidades integrantes da Rede e pertencentes a 9 Comunidades Autónomas, pon de manifesto o interese crecente que supoñen para estas cidades as diferentes propostas articuladas desde a Rede en torno á revalorización do patrimonio sefardí.
A celebración da Asemblea contou con diversas actividades, como unha visita guiada pola Xudería de León, unha comida institucional, e un concerto de música, danza e poesía do grupo Evoéh que interpretou “Rituales del Amor”, dedicado ós cantares de voda sefardí, e “El Poeta Enamorado” a súa especial homenaxe á obra do poeta e filósofo Ibn Gabirol, do que se cumpren mil años do seu nacemento.
Finalmente, está previsto que a cidade de Monforte presida en 2023 a Red de Juderías, e que polo tanto a cidade acolla a celebración da súa Asemblea anual, xa que esta presidencia establécese por orde alfabética das cidades membro: se León asumiu a presidencia en 2021, en 2022 será a quenda de Lucena, e en 2023, Monforte de Lemos.