Monforte de Lemos, 18 de novembro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo Concelleiro de Obras, José Luís Losada, supervisou a finalización das actuacións de mellora levadas a cabo polo Concello na rúa Roberto Baamonde, cuxo asfaltado deu comezo o pasado xoves 11 de novembro.
Deste xeito, as obras remataron no día de onte, 17 de novembro, co pintado das correspondentes sinais horizontais, polo que a finalización desta actuación de mellora nunha das vías máis importantes da cidade rematou antes do prazo previsto, que se estimaba en 14 días, e que finalmente levouse a cabo en menos de unha semana.
José Tomé Roca, recordou que “esta mellora en Roberto Baamonde supuxo a reposición da capa de rodadura deste vial urbano, ó longo de 810 metros lineais, e a renovación da súa sinalización horizontal e vertical, a cal foi rematada de pintar na tarde de onte”.
A inversión para esta acción de mellora na rúa Roberto Baamonde superou os 74.000 euros (74.519,58€) e foi desenvolvida pola empresa Francisco Gómez y CIA.
“Roberto Baamonde é unha das rúas máis transitadas da cidade, que comunica o centro coa zona da Estación, a saída cara Pobra de Brollón e tamén cara á N-120, sendo unha vía que axuda a conformar a imaxe da nosa cidade e a vertebrar a trama urbana de Monforte, polo que, con esta actuación que ven de finalizar mantemos esta rúa en perfectas condicións”, subliñou o Alcalde.
Actuacións de mellora en Roberto Baamonde
En concreto, as obras que se desenvolveron en Roberto Baamonde consistiron nun fresado previo, de 5 cm. de espesor, excepto naqueles tramos nos que a urbanización da rúa así o requiriu por motivo de existir zonas acabadas en adoquín (por exemplo, a zona de Julio Camba e Pr. Do Conde) ou pola existencia dun paso peonil elevado (por exemplo, na parte alta de Roberto Baamonde). En ambas zonas respectouse o acabado existente. Ó resto da vía dotouselle dunha nova capa de rodadura de 5 cm de espesor.
Igualmente repuxéronse os sumidoiros, pozos e arquetas, tendo especial coidado no seu acabado e nivelación dos elementos metálicos de tapa, de maneira que se garanta a ausencia de ruídos que se xeran ao transitar o tráfico rodado por eles e que adoitan ser especialmente molestos para os residentes da contorna inmediata á vía.
Mantivéronse as dimensións dos actuais pasos de cebra, xa que que son suficientemente axeitados para o tráfico peonil da zona onde se sitúan.
E finalmente, reforzouse e renovouse a sinalización horizontal e vertical, co obxecto de sinalizar a calzada da forma máis clara e lexible posible, con tres liñas para delimitar os dous carrís de circulación, as zonas de estacionamento e os espazos habilitados para carga e descarga. Especialmente, renovouse a sinalización vertical, concretamente no encontro da rúa coa Avda. de Galicia, coa inclusión de dúas sinais verticais de sentido obrigatorio e de prohibición de virar á esquerda.
O Alcalde concluíu salientado que “con este proxecto de mellora da rúa Roberto Baamonde qur vimos de rematar garantimos unha vida útil da vía para varios anos, e acadamos unha sensible mellora para a seguridade do tráfico e dos viandantes. Por parte do Concello, imos seguir traballando para levar a cabo actuacións de melloras moi relevantes para as infraestruturas do Concello, tanto nas parroquias como na cidade.”