Monforte acolle este xoves a obra “A lingua das bolboretas” da compañía Sarabela Teatro

Monforte de Lemos, 19 de abril de 2021. O teatro segue sendo protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no primeiro trimestre do ano 2021, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó primeiro semestre de 2021, este xoves 22 de ABRIL ás 20:15 horas no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da quinta das obras previstas para público adulto: A lingua das bolboretas, da compañía Sarabela Teatro.

Trátase dunha obra de Manuel Rivas, dirixida por Gonçalo Guerreiro e interpretada por Fran Lareu, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago, Josito Porto e Elena Seijo.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes. O aforo máximo do salón é de 110 persoas.

Sinopse

O espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento da realidade e o respecto cara o próximo) e é testemuña tamén da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

A través da entrañable relación que manteñen o mestre, don Gregorio, e o neno, vaise descubrindo paulatinamente ante o espectador a beleza daquelas realidades cotiás que pasan inadvertidas (como o mundo dos insectos), facendo partícipe ao receptor da historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, sempre que as circunstancias sanitarias o permitan, será O mozo da última fila da compañía Redrum Teatro que terá lugar o xoves 27 de maio ás 20:15 horas no Edificio Multiusos, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.

 

Protocolo ante o Covid-19

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:

  • A capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación. Nesta ocasión será dun máximo de 110 persoas, mantendo as correspondentes medidas de distanciamento social.
  • A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación (19:15 h).
  • A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra (19:45 h.).
  • Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
  • Gardarase a distancia social de seguridade.
  • Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.