O Multiusos de Monforte acolle o domingo 26 o concerto da Orquesta Vigo 430

Monforte de Lemos, 23 de setembro de 2021. O Concello de Monforte de Lemos segue a programar actividades culturais no mes de setembro, e así o vindeiro domingo 26 de setembro ás 20:00 h e no Edificio Multiusos terá lugar un concerto da Orquestra Vigo 430

Este espectáculo programado polo Concello de Monforte de Lemos, enmárcase dentro das actuacións do Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia, e  conta coa colaboración da Sociedad Filarmónica de Monforte.

A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación. A entrada ó salón de actos realizarase ás 19:40 h e a entrega das invitacións será dende as 19:00 h.

O proxecto da Orquestra Vigo 430 nace no ano 2005, aínda que adquire a súa configuración definitiva a partires do 2014.

O seu obxectivo principal é dotar unha formación orquestral profesional, constituída na súa maior parte polos máis brillantes expoñentes das novas xeracións de músicos galegos, así como por destacados músicos freelance do resto de España e do estranxeiro. Esta combinación entre talento propio e foráneo é unha característica esencial para a obtención do resultado artístico marcado como obxectivo.

Entre os principais retos que persegue o proxecto está o do achegamento da música clásica a novos públicos potenciais, así como ás novas xeracións de oíntes. O obxectivo de eliminar a barreira psicolóxica que, para gran parte da poboación, existe á hora de achegarse a un concerto de música clásica.

No ano 2014 a orquestra recibiu o premio «Martín Códax» da música.

Programa para Monforte

JUAN DURÁN: Variacións sobre "Rosa de Abril" (estrea absoluta)

Turina. Oración del torero

Dvořák Serenata para cordas

Bartók. Danzas rumanas

 

Na actuación da Orquestra Vigo 430 en Monforte participarán 25 músicos dirixidos por Isabel Rubio sendo o seu solista ao piano Antonio Queija.